Novas Xeracións do PP de Vilalba celebrará o seu Congreso Local o venres

O vindeiro venres 27 de xuño, ás 20.00 horas no Restaurante Montero, Novas Xeracións do Partido Popular de Vilalba celebrará o seu Congreso Local, un encontro clave para o futuro da organización xuvenil no municipio e na comarca da Terra Chá.
Durante o cónclave renovarase a dirección local e elixirase unha nova presidencia. A candidata proclamada é Celine Fernández, de 25 anos, que aspirar a liderar esta nova etapa co obxectivo de seguir medrando como colectivo, compartir ideas e construír un proxecto político sólido da man da mocidade.
A cita está aberta á participación de todos os mozos e mozas interesados en formar parte activa da vida política e social de Vilalba. Novas Xeracións aposta por fortalecer o seu papel como espazo de encontro e acción para a mocidade que quere un futuro mellor para o seu concello e para a provincia de Lugo.
Desde a organización provincial destacan que este é o segundo congreso local que se celebra desde a renovación da estrutura provincial en setembro de 2024. Ao longo do verán, Novas Xeracións continuará desenvolvendo reunións, actividades e novos congresos por toda a provincia, consolidando así a súa implantación territorial.
O presidente provincial de NNXX, Miguel Gallego, salienta que “a nosa prioridade é seguir traballando para reforzar as agrupacións locais, achegar o Partido Popular á mocidade e facerlles ver a importancia de implicarse nun momento clave para decidir o futuro de España”.
Desde a organización xuvenil subliñan que a mocidade ten un papel fundamental na construción dun futuro con máis oportunidades, dinamismo e progreso, tanto en Vilalba como no conxunto da provincia de Lugo.