NOVE impulsa nas Pontes o obradoiro 'Cociña +60. Receitas de vida' para promover unha alimentación saudable entre as persoas maiores

A Asociación Veciñal A Choupana acollerá o vindeiro martes 18 de novembro, ás 11.00 horas, unha nova sesión do programa 'Cociña +60. Receitas de vida', unha iniciativa impulsada pola Fundación de Axuda a Maiores e os seus Coidadores (FAMYC), en colaboración co grupo gastronómico NOVE e co patrocinio de GADIS. O obxectivo principal é fomentar uns hábitos alimentarios máis saudables entre as persoas maiores, combinando a práctica na cociña con recomendacións nutricionais adaptadas a esta etapa da vida.
O obradoiro das Pontes está pensado para amosar receitas sinxelas, equilibradas e económicas, elaboradas con produtos locais e de tempada. Trátase de converter a cociña nun espazo de saúde, creatividade e autoestima, tamén para aquelas persoas que viven soas, favorecendo unha mellor calidade da alimentación e un maior aproveitamento da cesta da compra.
A sesión contará coa participación dos recoñecidos cociñeiros Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés (Ferrol), e Iván Domínguez, do restaurante NaDo (A Coruña), que se encargarán da parte práctica, mostrando diferentes elaboracións e trucos de cociña. Xunto a eles estará a nutricionista Lucía Miyar Gil, que ofrecerá consellos sinxelos sobre nutrición, planificación de menús e aproveitamento dos alimentos, pensando nas necesidades específicas das persoas maiores.
As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 981 441 008 e facilitando os seus datos de contacto.
O programa 'Cociña +60. Receitas de vida' nace da man da Fundación FAMYC co propósito de mellorar a calidade de vida das persoas maiores, especialmente de quen vive en soidade. A través de obradoiros prácticos como este, as persoas participantes aprenden a preparar menús saudables, completos e asequibles, empregando produtos de proximidade e técnicas que axudan a aforrar tempo e a reducir o desperdicio alimentario. A iniciativa busca, ademais, reforzar a autonomía persoal e o benestar emocional, promovendo espazos de encontro, aprendizaxe compartida e socialización.
A Fundación FAMYC, con sede en Ferrolterra, é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa para apoiar ás persoas maiores con menos recursos ou en situación de vulnerabilidade, así como ás persoas coidadoras non profesionais, a través de programas de acompañamento, formación, actividades sociais e accións dirixidas a reforzar a seguridade, a autonomía e a dignidade das persoas maiores.
Pola súa banda, o Grupo NOVE agrupa a cociñeiros e cociñeiras galegas de referencia que defenden unha gastronomía creativa e ligada ao produto galego, apostando pola sustentabilidade, o respecto á cadea alimentaria e a colaboración con iniciativas sociais como este obradoiro, co fin de impulsar unha gastronomía con sentido tamén fóra dos restaurantes, no día a día da xente.