Novo plan de desenvolvemento dos polígonos industriais das Pontes
O Concello das Pontes e Seara traballan, xa, na execución do novo plan de desenvolvemento dos polígonos industriais das Pontes, un documento que en palabras da edil de Industria, Ana Pena, ten como obxectivo "recoller as futuras accións previstas para a conservación, a introdución de melloras e a oferta de novos servizos no Polígono de Penapurreira e os Airios para avanzar cara un modelo de polígonos industriais propios do século XXI que permitan atraer e facilitar o asentamento de novos proxectos empresariais"
Nun encontro mantido, a semana pasada, entre a concelleira de Industria, Ana Pena e o presidente da Asociación de Empresarios , Xosé Castro, Seara presentou o documento coas liñas mestras acordadas, entre ambas entidades, para este plan que inclúe, entre outras accións, un plan específico de mantemento e limpeza que permita poñer en valor ás empresas instaladas, tanto ante os clientes como ante os provedores e que ao mesmo tempo resulte atractivo para a atracción de novos proxecto que creen riqueza e emprego no municipio.
O plan recolle tamén una proposta de mellora de sinalización co obxectivo de facilitar a localización das empresas ubicadas nos dous polígonos ponteses e facelas máis visibles, renovando asemade toda a señalética que se atopa deteriorada.
Ao abeiro deste novo plan de desenvolvemento dos polígonos industriais das Pontes, impulsarase un plan de mellora das parcelas a través de accións de mantemento das zonas verdes, viarios e accesos, implicando ás empresas na conservación e adecuación das súas parcelas.
Tamén se deseñará un plan de seguridade e vixilancia para facilitar a correcta circulación dentro dos polígonos e garantir a protección da contorna e das empresas.
Ana Pena fai fincapé na importancia de todas as accións recollidas neste plan, tanto as de execución inmediata como as que se porán en marcha nun breve período de tempo, xa que a través do "mantemento, conservación, e mellora dos servizos prestados nos polígonos, non só queremos garantir o asentamento das 60 firmas xa instaladas senón converter aos polígonos de Penapurreira e Os Airios nun polo de atracción para novas empresas"
A concelleira de Industria tamén avanzou que Concello e Seara manterán reunións periódicas para avaliar a execución deste novo plan de desenvolvemento dos polígonos industriais das Pontes.