O 22 de xuño haberá unha manifestación en apoio ao futuro da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
O luns 22 de xuño haberá unha manifestación en apoio ao futuro da Mariña lucense, da súa industria, infraestructuras e sanidade.
6cfd86a5 393e f845 662a 39e261fd8290 300x
16 Jun 2020

O luns 22 de xuño haberá unha manifestación en apoio ao futuro da Mariña lucense, da súa industria, infraestructuras e sanidade.

Esta mobilización terá saída dende o Hospital da Mariña de Burela ás 20.00 horas do luns 22.

Esta comarca é o motor económico da provincia, xeradora de riqueza e emprego en sectores como a pesca, a madeira, o agro, os servizos, o turismo e, nas últimas décadas, na industria do aluminio, leva décadas clamando no deserto.

A Mariña "padece un abandono histórico e sistemático por parte das distintas administracións públicas e os distintos gobernos que se suceden en Madrid, Santiago e mesmo en Lugo", din dende a CIG.

"Levamos décadas constituíndo coordinadoras, plataformas e asociacións para reclamar a atención das administracións públicas, para exixir inversións en servizos e infraestruturas que son básicas e imprescindibles para a nosa Comarca, para o noso desenvolvemento, para a consolidación do tecido industrial existente e para a implantación de novas actividades e empresas, en definitiva, para o noso futuro", engaden.

A desaparición de parte da flota pesqueira, a caída das capturas e do prezo do peixe, o desmantelamento de explotacións agrogandeiras, as dificultades para a comercialización e exportación da madeira que producen os montes supuxeron o inicio da destrución de postos de traballo na comarca, destrución que se veu acrecentada co goteo de peches de industrias na Mariña, cada vez mais frecuente, e coa recentralización na capital provincial de servizos públicos como os hospitalarios, de facenda ou seguridade social (ISM).

Ecar, Maderas Lorenzo, ECESA, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, Muebles Hermida, son algúns dos exemplos mais chamativos, pero detrás hai outras moitas pequenas empresas que pecharon as portas, moitos comercios e autónomos que tiveron que baixar a persiana. Iso sen ter en conta a ameaza que supón para o emprego e a economía comarcal o recente anuncio de Alcoa.

As súas demandas de infraestruturas (autoestrada, corredor, rede ferroviaria, apertura dique norte...) seguen sendo iso, demandas. Por todo isto que propoñemos que sexan trasladadas aos gobernos as reclamacións de aceleración de todos os trámites e prazos para que a A-74 (Barreiros-San Cibrao) esté rematada nun prazo de 5 anos; liberar o dique Norte de Alcoa acometendo as obras de acceso por ferrocarril e por estrada precisas; inversións necesarias para a modernización e adaptación da rede de FEVE; a creación da Autoridade Portuaria propia para A Mariña, separada da de Ferrol; e con carácter urxente unha tarifa eléctrica que recolla o contido das alegacións presentadas na tramitación do Estatuto de Electrointensivas.

Tamén piden a Xunta de Galicia un plan de industrialización e apoio aos sectores produtivos da Mariña; a recuperación da Área Sanitaria da Mariña; a aceleración dos prazos e trámites para rematar o corredor de San Cibrao a San Sadurniño; un maior desenvolvemento e diversidade de ciclos Formativos, así como unha mellora nos medios de transporte e comunicación e que incentive a renovación e mellora da planta e dos procesos industriais tanto en materia medio ambiental coma en novas tecnoloxías con entes coma o Igape.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17183184623718