O 28 de maio de 2025 será festivo en Rábade para celebrar os 100 anos como independente
O 28 de maio do ano 2025 será festivo en Rábade para conmemorar os 100 anos como Concello independente.
Así o anunciou onte o equipo de Goberno no acto organizado para celebrar o 99 aniversario desde que o municipio se converteu en Concello independente co nome de San Vicente de Rábade, o 28 de maio de 1925.
O acto deu comezo coa actuación do Coro da Asociación Músico Crisanto, que interpretou dúas cancións tradicionais galegas.
De seguido, o tenente de alcaldesa, Luis Novo, fixo a lectura da acta fundacional do Concello e o concelleiro Carlos González, encargado de dirixir o acto, falou da súa historia e de como o reflectiron os medios da época.
Tamén foron presentadas as actividades que o Goberno local levará a cabo para conmemorar esta data, entre as que está un concurso de carteis para anunciar o centenario e un premio “especial centenario” no tradicional concurso de pintura rápida que organiza o Concello.
Inaugurouse ademais unha exposición permanente no Centro Sociocultural coas obras gañadoras do concurso de pintura rápida desde que comezou a súa celebración no ano 2008.
No marco desta efeméride o Concello organiza tamén un concerto nos galpóns do Campo da Feira para este venres coa presenza do artista begontés, Adrián Vigo, ao que seguirá unha verbena. Nos vindeiros días o municipio acollerá tamén a presentación dun libro de Pablo Veiga.
Todos e todas as asistentes recibiron como agasallo a bandeira do Concello, o documental Insuas do Miño e os libros De Rapati a Rábade’ e Rábade comercial. Calzada, camino y vía.