O 29 Vilalba celebrará a 25 edición da Festa da Bicicleta
O Espazo Xove do Centro da Xuventude de Vilalba, dependente da Xefatura Territorial da consellería de Traballo e Benestar, organiza un ano máis a Festa da Bicicleta coa que colabora tamén o Concello de Vilalba, a comisión de festas, a Policía Municipal, Protección Civil, Cruz Vermella, a Garda Civil e os clubs ciclistas Terra Chá e Vilalba – As Pontes.
Este ano, o Día da Bicicleta cumpre os 25 o que a convirte nun dos actos tradicionais das festas de San Ramón e Santa María.
Este encontro de bicis será o mércores 29 de agosto a partir das sete e media da tarde. Como nas edicións anteriores estará aberto a todos os vehículos de rodas que requiran do empuxe humán, como patíns, monopatíns, coches de nenos, etc. A iniciativa dos vilalbeses non ten parada con esta cita e non faltan nesta proba os andadores, triciclos e demais.
A saída situarase na praza da Constitución dende onde se concentran os e as participantes ata dar saída á altura do Bar Casablanca, continuando pola rúa da Pravia, praza Suso Gayoso, Avenida de Galicia, rúa Cidade de Lugo, a capela da Guadalupe, a rúa do Xamón, Travesía Campo da Feira, cruzar á Avenida Terra Chá enlazando coa rúa de Muras, Campo da Ponte, rúa da Pravia novamente e chegada de novo á praza da Constitución.
Trátase dun percorrido apto para todas as idades, chan para facilitar a participación a todas as resistencias físicas e aberto como sempre a todas as idades e variables que non impliquen motor.
Destaca coma sempre o seu carácter non competitivo, porque o importante é participar e sumarse a unha actividade que todos os anos reúne a máis de dúas mil persoas.
Ata dúas horas do seu inicio aceptaranse inscricións no Centro da Xuventude ou a través do teléfono 982 82 83 40 en horario de seis a nove da tarde porque para poder optar aos agasallos que se sortean hai que estar inscrito, algo que non ten ningún tipo de custe.
Os agasallos que se sortearán este ano son dúas bicicletas, unha televisión Phillips, unha tablet, un par de patíns, un monopatín, dúas mochilas, un casco de ciclista e dous queixos de San Simón da Costa.
Coma sempre haberá trofeos especiais para o participante de maior idade e ao de menor idade portado. Este concurso sempre causa atracción e cada ano aparece un concursante máis novo, chegando nunha ocasión a participar un pequeno con quince días que fixo o percorrido no seu cocheciño.
A organización entrégalle a todos e cada un dos participantes un dorsal cun número e un boleto no momento de facer a inscrición, que entregará á hora da saída e, que lles dá dereito a poder entrar no sorteo dos agasallos.
En-Bici-ate!
As inscricións pódense facer no Centro da Xuventude, sita na rúa Novo Cazón s/n Vilalba. Máis información no teléfono 982 828 340, de 18:00 h. a 21:00 h., dende o día 21 ata o 29 de agosto inclusive.