“O 50 aniversario do certame literario vai a ser unha parte importante no pregón”

TerraChaXa
O poeta vilalbés Miguel Barrera será o pregoeiro do San Ramón e Santa María
miguel-barrera-pregoeiro-de-vilalba
Miguel Barrera
30 Ago 2024

Lucía Blanco

Miguel Barrera leva a Vilalba no sentir, na lembranza e tamén na escrita. O libro das festas do San Ramón e Santa María do 88 acolleu o seu primeiro poema publicado e a homenaxe a súa vila a través da obra Poema da rúa das aves converteuno en gañador do Certame Literario Concello de Vilalba fai xa 5 anos. Agora o escritor, que forma parte do Grupo Bilbao de poetas galegos afincados en Madrid e é fundador da Asociación Letras da Serra Norte, será pregoeiro das patronais da súa vila natal.

Esperábase a noticia?

Non mo esperaba, mesmo cando mo contaban pensei que mo estaban dicindo de broma. Encima sendo escritor é unha oportunidade para mostrar o que escribes e o que expresas. Moitos xa saben do meu traballo pero os máis novos quizais non tanto e paréceme moi importante.

Ten pensado o que vai a dicir diante dos veciños?

Creo que foi determinante e axudou a tomar a decisión que eu fose un dos últimos vilalbeses en gañar o certame literario, que este ano cumpre o 50 aniversario. Evidentemente esta vai ser unha parte importantísima, o propio certame, os seus 50 anos, os diferente gañadores e tamén as distintas etapas porque non todas foron coma esta.

Estamos a falar dunha cita de referencia en toda a comunidade.

É o decano en Galicia. Certames que lle dean tanta pompa coma este non hai. Hainos que se organiza o certame, publícase o premiado e nun pequeno acto faise a entrega do premio. Pero coma este, que se inclúe dentro do acto de principio das festas, non coñezo ningún caso aquí. En Madrid había un pero tamén morreu. O normal é adoptalo como un acto cultural máis dentro das actividades anuais.

Actualmente reside en Torrelaguna, en Madrid. Hai moita morriña?

Si porque un onde nace garda sempre recordos. É verdade que o día a día faiche atender ao presente, pero si que sempre tes eses recordos.

Como lembra o San Ramón?

Como calquera rapaz de pobo recordo as primeiras etapas da infancia e da primeira adolescencia que se facía moito na rúa e mesmo de noite, ir a comer as sopas de allo á Paloma, que tiña un encanto moi grande. Despois viñeron as discotecas, a JM76, que se chamou Troco, e despois xa íamos a eses locais. Estaba tamén a xente forasteira, que vías ao mellor de cando en vez e era moi entrañable e tamén o feito de xuntarse coa familia. Hai momentos moi bonitos e de gran recordo.

As patronais tiveron que ver en parte nos inicios da súa traxectoria como poeta.

O primeiro poema que publiquei foi no libro das festas. De aí si que comecei a publicar nalgún xornal, pero xa con vontade de escribir un libro empecei en Santiago, onde escribín Na árbore do desespero, pero tivo que esperar ao 2002 para ser publicado no Iescha. O primeiro libro publicado foi no 1993, Loita de silencio, que foi unha autoedición pero financiada polo Concello de Vilalba.

En Na árbore do desespero adiantouse ao seu tempo ao facer unha denuncia contra a violencia de xénero.

Ese libro escribino entre o 1986 e o 1988, nuns anos nos que o feminismo existía pero non se falaba como agora e moito menos por voz dun home. Por iso está en primeira persoa do feminino. Xurdiu por algo aterrador, por unha nota de prensa que lin nun bar da rúa do Billar sobre unha rapaza que escapaba do home e acabou tirándose dun terceiro piso. Conmoveume moito e deume por maquinar como eran esas horas de fuxida.

Agora traballa precisamente nunha edición bilingüe desta obra.

Por idea da poeta Cristina Penalba e da miña filla, estámolo traducindo para facer unha edición bilingüe e publicalo aquí en Madrid con imaxes moi bonitas a lapis doutra artista. O bo é que a miña filla vai rescribir o final e vai facerse un novo, máis actual, onde ela non morre. Daquela contábasllo a alguén e quedaba no auténtico silencio, na auténtica indiferenza.

Poema da rúa das aves, inspirado nunha das rúas da vila, na Porta de Cima, resultou gañador da 45 edición do certame literario. Como se fraguou esta homenaxe a Vilalba?

Ten moitas lecturas, unha é aos poetas. A editorial Alvarellos, dada a complexidade que ten o formato e a mensaxe, pediume que fixera unha explicación e fixen unha introdución en tres planos. Por un lado está Vilalba e a rúa que era a principal no seu momento e a todos os veciños desa rúa púxenlle nome de paxaros coas connotacións das personalidade da familia. E despois está o feito de que o escribín en formato guión. Se ves as diferentes partes, na primeira descríbense aos personaxes con respecto ao que vai facer nas diferentes escenas e tamén fago referencia á obra que fixeron en vida. E despois está a obra propiamente dita, que é a historia de Gata non Gata e os seus gatiños escrita como un guión cinematográfico. Describo as escenas, poño unha voz en off e cada estrofa é unha secuencia, como unha toma de cámara. O xurado díxomo que non só por tocar o tema de Vilalba senón pola orixinalidade da obra mereceu a pena premiarme.

Pódese dicir que tivo unha clara influencia dos poetas da Chaira?

Eu en galego lin antes aos Novísimos que a Manuel María. Os Novísimos é un libro onde se fai unha colleita dos grandes poetas. Nese libro aparecía Xesús Rábade Paredes, Margarida Ledo Andión, Darío Xohán Cabana e Félix Vergara Vilariño. Para min as primeiras referencias nas lectura foron eles. Despois veu Rosalía, Manuel María e despois, xa en castelán, a Xeración do 27.

Como valora a escena poética actual en galego?

Este ano estiven coa editorial Alvarellos na Feira do libro en Madrid e podo asegurar que a literatura galega está tendo un interese enorme. Eu son dos que pensan que estamos pasando unha época extraordinaria, é verdade que se le pouco en galego, pero iso é por outro contexto. Pero a nivel de calidade e de personalidades é extraordinario, sobre todo en poesía.

 

CONSULTA O RESTO DO PROGRAMA NESTE ENLACE

0.14049816131592