O 75% das incidencias denunciadas na Línea Verde foron solucionadas
O Concello de Guitiriz está moi satisfeito co éxito obtido tras a implantación da aplicación de participación cidadá e resolución de incidencias Línea Verde. Actualmente o 75% das incidencias recibidas foron xa solucionadas, o que demostra unha eficaz resposta por parte do Consistorio na resolución de avisos comunicados polos veciños.
A tipoloxía máis frecuente é a que fai referencia a Lixos, seguido de Beirarrúas e Calzadas, Parques e Xardíns, Iluminación, Animais Abandonados e Puntos de Auga/Depuradoras. Grazas á implicación directa dos veciños, o Consistorio puido levar a cabo áxiles actuacións. Ademais, tivo coñecemento de certas necesidades das que non tiña constancia.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Liña Verde. Para comunicar unha incidencia, basta con picar sobre o botón Nova Incidencia, seleccionar a tipoloxía e achegar unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. A aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa.
Unha vez enviada, persoal do Concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste intre, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado da mesma.
A través de Línea Verde
, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental. Basta con seleccionar a opción de “Fai a túa consulta”. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia de forma completamente gratuíta.
Ademais de comunicar unha incidencia ou expor unha consulta, o usuario tamén pode estar informado da actualidade informativa e os eventos que se producen no municipio.
A primeira tenente de alcalde, Paula Campo, manifesta estar moi “satisfeita” cos resultados obtidos e anima aos veciños do municipio para seguir utilizando esta canle directa de comunicación.