O AD Matela reclama ao Concello de Outeiro de Rei o arranxo das súas instalacións

TerraChaXa
A asociación Xermolos e os veciños organiza unha nova edición do concurso de curtametraxes do Festival de cine de música de Roca.
campo de futbo matela portada
12 Abr 2024

A Agrupación Deportiva Matela fixo chegar ao Concello de Outeiro de Rei unha reclamación na que solicita que se melloren as instalacións deportivas que teñen.

O club foi fundado en 1987, sendo un dos equipos máis antigos do concello, e ten na actualidade como campo de xogo o Municipal de San Lourenzo de Aguiar, sendo o único equipo de fútbol federado do Concello de Outeiro que xoga os seus partidos como local nunha parroquia rural.

Dende a Agrupación Deportiva Matela denuncian "o abandono e o desleixo que o noso campo de xogo, de propiedade municipal, leva padecendo por parte do Concello de Outeiro de Rei dende hai moitos anos, así como as precarias condicións nas que temos de desenvolvernos para poder adestrar a diario ou xogar os nosos partidos como locais".

Segundo explican tanto os accesos ao campo, como o propio campo de xogo ou os vestiarios de árbitro e xogadores non compren para nada os mínimos parámetros de dignidade para a práctica deportiva, chegando incluso a ter elementos que non compren a lexislación vixente neste momento.

"Esta situación resulta insoportable para xogadores, tanto locais como visitantes, así como para os afeccionados, transmitindo ademais unha imaxe vergoñenta do Concello cara as persoas que nos visitan", engaden.

Aseguran que o alcalde é perfectamente coñecedor desta situación dende hai anos, "non facendo absolutamente nada para evitala, máis ben ao contrario, pois nin sequera se lles permite aos xogadores do Matela adestrar nin xogar no outro campo de fútbol municipal, que si están nunha situación moito mellor e no que si se lles permite adestrar a equipos de fóra do concello e mesmo facer torneos", protestan.

Ante esta situación, presentaron un escrito ao Concello de Outeiro e aos grupos municipais presentes na Corporación explicando toda esta problemática e pedindo axuda urxente.

Solicítase neste escrito que se leven a cabo as accións necesarias para que o campo de fútbol de San Lourenzo de Aguiar sexa utilizábel en circunstancias dignas e que se arranxen, dunha vez, os accesos ao campo, como se arranxan os do resto dos veciños e calquera instalación municipal; e se faga o mantemento preciso para que a situación non se repita cada ano.

"Queremos que se dispoñan todas as reparacións procedentes para que o campo cumpra condicións mínimas de legalidade (valado, substitución da uralita, reparacións eléctricas ... )", finalizan.

Invitan tamén a todos os concelleiros de todos os partidos, que se despracen ao campo de San Lourenzo de Aguiar a comprobar o estado no que se atopa.

0.18987011909485