O albergue de peregrinos de Friol reforza o Camiño do Norte
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron o novo albergue de peregrinos no concello de Friol, acompañados do alcalde da localidade, José Ángel Santos. Trátase dun proxecto realizado polo Goberno autonómico que supón unha mellora na capacidade de acollida do Camiño do Norte, Patrimonio Mundial da Unesco desde 2015.
Co obxectivo de reforzar os servizos de atención aos peregrinos que realizan este itinerario xacobeo, o Goberno galego inaugurou recentemente esta infraestrutura, integrada nunha rede de 69 establecementos en toda a Comunidade. O albergue deu xa servizo arredor de 300 peregrinos, que pernoitaron nunhas instalacións acondicionadas para a súa estadía e prestación de servizos en espazos como salas de uso común, comedor, cociñas ou baños.
Localizado na Cabana, parroquia de Nodar, dispón de 29 prazas, tamén para peregrinos con mobilidade reducida, afondando así nos obxectivos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago que está a transformar a rede pública xestionada polo Xacobeo. Nesta liña, tamén o exterior do recinto dispón de ramplas de acceso ou varandas de protección.
O de Friol é o noveno albergue do Camiño do Norte e o número 28 da provincia de Lugo nas súas diferentes rutas. Coa súa posta en marcha, a Xunta avanza no seu compromiso de velar por unha óptima experiencia dos peregrinos, dotándoos de mellores infraestruturas e servizos, seguindo unha das liñas estratéxicas do Plan director do Camiño de Santiago. Esta folla de ruta, cuxas accións comezaron en 2015, traballa coa vista posta no Xacobeo 2021.
Relación calidade prezo
A especialización e calidade na atención ao peregrino son parte fundamental deste Plan director por ser un factor clave na peregrinación, tal e como manifesta o Estudo do impacto socieconómico do Camiño de Santiago, que foi realizado pola Universidade de Santiago de Compostela por iniciativa de Turismo de Galicia. Nas súas conclusións, destaca o alto nivel de satisfacción co aloxamento. Entre outros aspectos, os camiñantes valoran a relación calidade prezo dos albergues públicos, especialmente aqueles perfís tradicionais que máis empregan esta tipoloxía. De feito, a cifra de queixas o suxestións recibidas é moi reducida.
Desde a declaración como Patrimonio Mundial, o Camiño do Norte vive un constante crecemento acompañado de diversas accións de mellora, sinalización, dinamización e promoción por parte da Xunta. Cómpre lembrar que o mencionado Plan director dedicou en 2016 boa parte dos seus investimentos ao Camiño do Norte e ao Primitivo, co fin de mellorar o estado do patrimonio e as necesidades dos peregrinos tras acadar dito recoñecemento.
Na actualidade, o Camiño do Norte é a terceira ruta máis percorrida polos peregrinos en Galicia. No que vai de ano, realizárono xa máis de 15.000 persoas, un 7% máis que no 2017. A metade destes peregrinos son estranxeiros, procedentes de numerosos países do mundo. Sobresaen entre eles algúns como Alemaña, Italia, Estados Unidos e Francia.