O alcalde burelés pide axuda para acometer diversas obras na vila e no porto
O alcalde burelés, Alfredo Llano, mantivo hoxe un encontro co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ao que lle solicitou axuda para acometer diversas obras na vila. Entre os asuntos abordados figuran a construción dunha rotonda na Puída para mellorar a seguridade na subida ao Monte Castelo; a instalación de marquesiñas nesa mesma estrada entre Burela e o cemiterio; ou unha partida económica para acometer o arranxo do perímetro do campo de fútbol.
O rexedor explicou que “soliciteille ao presidente da Deputación axuda para executar unha serie de obras aquí en Burela. Unha delas será a que faremos no campo de fútbol onde queremos facer un novo peche, que substitúa ao actual porque está completamente oxidado. Nós non tiñamos presuposto para poder afrontar esta obra na súa totalidade. Desde o Concello afrontarémola parcialmente e pedinlle que o resto corra a cargo da Deputación. Penso que non haberá problema e así poderemos acometer a obra no seu conxunto e completa”.
Alfredo Llano avoga pola construción dunha rotonda na Puída, onde está o cemiterio para a subida ao Monte Castelo: “alí na propia estrada da Deputación, onde está o acceso ao Monte Castelo, sería conveniente contar cunha rotonda, xa que favorecería moito a condución e a seguridade. Esa rotonda xa ven sendo solicitada por moitos veciños e veciñas de Burela. Ademais derivado da actividade que haberá a partires de agora nas minas de caolín tamén sería positivo, debido ao incremento do tráfico que se vai producir nesa zona”.
O alcalde tamén lle pediu ao presidente da Deputación José Tomé “a sinalización do Monte Castelo como área recreativa. Habería que colocar un cartel vistoso e interesante que dea lugar xa a pensar que alí hai algo bonito para visitar. Poñeremos vista espectacular ou área recreativa de xeito que destaque e que supoña unha motivación para subir ata o Monte Castelo”.
Llano seguiu a relatar que “tamén solicitamos a instalación dunhas marquesiñas que se van colocar na estrada da Deputación, entre Burela e o cemiterio, para que a xente que vai camiñando si nalgún momento ten que abrigarse porque chove ou precisa descansar que conte cunha marquesiña. Son moi bonitas e non creo que se tarde moito en colocar. Tamén para mellorar a seguridade nesa estrada pedín foi a instalación duns quitamedos nunha zona duns 50 metros onde se procedeu á corta de árbores e todo aquilo quedou moi despexado. É preciso mellorar a seguridade para evitar que si se produce un accidente puidera caer algún coche á N-642”.
Llano e Tomé tamén abordaron a preocupación polo inicio do curso escolar: “falamos da posible xestión de materiais para os colexios e institutos de Burela”.
Para o alcalde de Burela a xuntanza co presidente da Deputación “foi unha conversa interesante, agardo que dea os seus froitos e que en pouco tempo se note”.
Edar
O alcalde, Alfredo Llano, reuniuse en Lugo con responsables de Costas e de Portos cos que falou da Edar para solicitar a xestión compartida de dúas rotondas: a do acceso a Burela chegando desde Foz e á que se atopa no propio espazo portuario.
O alcalde dixo que “estiven falando co responsable provincial de Costas, basicamente de dous temas. Un deles é a Edar que está pendente de construír na zona do porto. Abordamos as afectacións que pode ter e penso que está todo ben, xa fixeron a solicitude desde Augas de Galicia e por tanto non hai problema por parte de Costas para favorecer que se instale a Edar no porto porque hai unha necesidade clara de volver a retomar este tema”.
Llano explicou que “hai dous proxectos: un deles é para a Edar propiamente dita, onde se fai o tratamento dos residuos que chegan alí; e outro é para a obra complementaria que fai falta, onde vai o emisario e outras actuacións para decantar e evitar que existan inundacións cando chove moito. Estas obras son moi importantes e necesarias e van ser moi complexas, sobre todo a complementaria porque leva unha serie de tubaxes dun diámetro moi grande e por tanto vai ser complicada a súa colocación. Pero é unha obra moi necesaria, que hai que pensar en acometela e nada máis”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén acordamos que se arranxe a escollera da Marosa, na zona máis perigosa da praia, onde se vai poñer unha sinalización para avisar aos que pretendan nadar nesa zona do perigo que pode existir”.
O alcalde tamén se reuniu nesta xornada en Lugo con responsables de Portos: “e en Portos estivemos falando de rotondas. Unha delas é a primeira que hai vindo de Foz, que nós queremos xestionar para tela adecuada e darlle importancia á entrada a Burela con singularidade. Queremos tela perfecta para que os visitantes poidan notar que chegan a un pobo que está atendido e coidado. Non hai ningún problema por parte de Portos e imos facer un convenio, que vou intentar que sexa o antes posible para poder facer o amaño da rotonda canto antes, coa Presidencia de Portos. Polo tanto vou solicitar unha entrevista e farei unha visita a Santiago para falar deste tema, para facernos cargo das rotondas a través dun convenio. A ver como establecemos a xestión das rotondas, tanto a que está no propio espazo portuario como a que se atopa na entrada de Burela. Polo tanto penso que a xestión debe ser compartida”.
Alfredo Llano seguiu a relatar que “tamén estivemos falando dos espazos que a xente de Burela quere utilizar para pescar no porto. E sobre este asunto agora mesmo estase traballando en Santiago para resolver este tema, non soamente para Burela senón de forma global, coa intención de habilitar unha serie de espazos para que se poida pescar no porto dunha forma normalizada, regulamentada e con seguridade”.
E engadiu que “ademais falamos da Edar e da empresa produtora de salmóns para ver como podería afectar a Portos, que está en contacto coa empresa e penso que por parte deste departamento non vai haber dificultades para favorecer a instalación, como tampouco debe haber por parte de Costas ni do Concello”.
Fibra óptica
Alfredo Llano subliñou que “queremos favorecer as comunicacións en dous espazos que nos parecen interesantes. Por tanto queremos que se instale fibra óptica neses dous lugares: un deles é o pavillón polideportivo Vista Alegre porque alí esta tempada o club Burela Fútbol Sala intentará emitir por televisión o máximo de partidos posible porque agora poden acudir ao pavillón poucos espectadores pola redución de aforo debido á pandemia da covid-19. Para que sexa unha emisión de calidade evidentemente teñen que ter tecnoloxía. Xa se falou coa empresa para ir estudando a posibilidade de instalar rapidamente fibra óptica tanto no pavillón Vista Alegre como na nave de redes, do que falei en Portos. Na nave de redes celébrase Expomar e polo tanto é moi necesaria a boa comunicación e a fluidez de datos alí por moitas razóns, tanto empresariais como de información. E Portos di que favorecerá, se é necesario, a súa instalación dado que xa ten canalizacións postas”.