O alcalde da Pastoriza será galardoado coa "V de Veciño"
O presidente decidiu renovar a colaboración provincial con esta iniciativa, cunha achega de 15.000 euros, convertendo á Deputación de Lugo na principal administración colaboradora neste cita, “que é punto de encontro para milleiros de veciños de ducias de concellos lucenses e coa que construímos a identidade da nosa provincia”, apuntou. Ademais da colaboración provincial, esta cita, conta co apoio do Concello de Lugo, que asume os gastos de intendencia como mesas, cadeiras, escenarios ou megafonía; así como ABANCA, GADIS e a Xunta de Galicia, que destina 3.000 euros.
Campos Conde subliñou que “dende o Executivo Provincial, traballamos por unha Deputación social, rural e sobre todo, ao carón das persoas. É por iso que decidimos colaborar un ano máis co Día do Veciño, que é xa todo un referente na nosa provincia. Trátase dunha cita na que ademais de facer provincia, serve para reforzar a nosa identidade común, mantendo os lazos que nos unen como veciños de Lugo. Trátase tamén dunha oportunidade única para estar preto un dos outros tanto a nivel físico, como afectivo; que non debemos desaproveitar pois, dende as administracións públicas temos a obriga de estar preto dos nosos veciños”.
Neste senso, Campos Conde lembrou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos todas e cada unha das reivindicacións que os veciños lucenses fan a través da Federación, co fin de conseguir unha provincia máis igualitaria e que conte cuns servizos mínimos e de calidade”.
“A dotación de servizos médicos esenciais para a provincia, como son o servizo de hemodinámica 24 horas, medicina nuclear ou a mellora do Vello Xeral; a campaña Lugo...non perdas o tren, coa que se reivindican servizos ferroviarios como a Alta Velocidade, a Intermodal, ou mellores conexións con Santiago, a capital de Galicia; ou a recente creación da plataforma en defensa de servizos do rural, son só algunhas das campañas insignia da Federación de Veciños e que contaron sempre co apoio do Executivo Provincial”.
Méndez López destacou “o grande traballo que a Federación de Veciños leva a cabo para conseguir mellorar os dereitos dos lucenses, en ámbitos tan importantes como o sanitario, infraestruturas no rural ou comunicacións, esenciais tanto para a cidade de Lugo como para toda a provincia”. Neste senso, a rexedora municipal apuntou que “o tecido asociativo lucense é sen dúbida algunha un dos piares máis importantes dos que dispomos, feito que debemos preservar pois, Lugo non se entende sen a Federación, Lugo non se entende sen os seus veciños”.
Jesús Vázquez agradeceu a colaboración dos Gobernos Provincial e Municipal “que sempre amosaron a súa disposición por colaborar connosco, tendéndonos a man e recibíndonos sempre coas portas abertas”.
Programación da xornada e promoción dos produtos lucenses
A partires das nove da mañá do domingo 24 de setembro, máis de 100 voluntarios e voluntarias comezarán a traballar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para ter listos todos os preparativos deste evento. A entrada, de carácter simbólica, é de 3 euros. Nesta ocasión, o tema sobre o que está adicada a xornada é a defensa das dotacións públicas no rural.
Coma todos os anos, ás doce do mediodía, terá lugar un partido de fútbol no campo da Cheda. Ao remate, e xa na explanada contigua ao Pazo, haberá sesión vermú amenizada por grupos de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo. O inicio do xantar está previsto ás 13:30 horas. Os máis de 3.500 participantes terán no menú produtos lucenses como pementos de Mougán, chourizos Ceide, empanadas Illán, embutidos de Gadis, pan de Antas de Ulla ou viño de Chantada, promocionando, deste xeito os produtos da provincia. Durante o transcorrer do xantar, intercalaranse tamén actuacións de diferentes grupos musicais.
V de Veciños
Unha das finalidades deste encontro, é a entrega dos premios V de Veciños. Trátase duns premios cos que se homenaxea e recoñecen a labor dun total de 27 socios que, no decorrer deste ano, destacaran por desempeñar un especial protagonismo a prol da dinamización e promoción da súa comarca, e polo tanto da provincia. Neste ano serán galardoados, por exemplo, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias; o Concelleiro de Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández; así como a medios de comunicación e empresarios lucenses comprometidos coa provincia.
Federación de Asociacións de Veciños de Lugo
Como subliñar que a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo é xa, a estas alturas, o colectivo veciñal máis numeroso de Galicia tendo en conta que con xa con 272 asociacións de toda a provincia. Son, en total, uns 20.000 lucenses os que compoñen esta dita federación lucense. O marcado carácter provincial da Federación xustifica a estreita colaboración que tanto por parte da Deputación como do Concello se presta para facer posible que continúen a levar a cabo toda esta dilatada labor de actividades que están encamiñados a defender os dereitos dos lucenses.