O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, foi proclamado presidente da Deputación da Coruña por segunda lexislatura consecutiva.
Tras catro anos á fronte do goberno provincial, Formoso volve lograr o respaldo da maioría da cámara, cos votos a favor de Partido Socialista, Bloque Nacionalista Galego, En Marea e Alternativa dos Veciños.
Durante a sesión de investidura, González Formoso, tras agradecer o respaldo de familia, compañeiros de partido e deputados e deputadas, deu conta da gran responsabilidade e ilusión coa que afronta esta segunda etapa como presidente.
Un novo reto no que buscará, ao igual que nestes últimos catro anos, o consenso, a colaboración e o diálogo entre todas as forzas políticas para seguir facendo da provincia da Coruña todo un referente no país e un exemplo de como o vivir nunha pequena vila ou nunha gran cidade, non impide que se conte cos mesmos dereitos e oportunidades.
O presidente provincial, adiantou que ao longo dos vindeiros catro anos, continuarase coas liñas xa marcadas nesta última lexislatura, apostando por plans de emprego que permitan fomentar o emprededurismo e a formación; programas que axuden ao desenvolvemento do rural e a loitar contra a despoboación e políticas de cooperación entre municipios.