O alcalde das Pontes ve os fondos de Transición Xusta como garantes "do futuro económico"

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, valorou de maneira moi positiva as novas bases dos Fondos Europeos de Transición Xusta, froito das negociacións mantidas entre a Xunta de Galicia e o Concello, ao considerar que supoñen "un avance decisivo para o futuro económico e industrial das Pontes". Segundo explicou, o novo marco garante que a metade dos 80 millóns de euros consignados se destinen aos concellos de Cerceda e As Pontes, cunha prioridade especial para este último en función do seu peso e volume de actividade industrial.
Tal e como destacou o rexedor, estas bases abren unha oportunidade estratéxica para atraer novos proxectos empresariais e consolidar o tecido produtivo existente. "As empresas que decidan implantarse nas Pontes poderán acceder a axudas de ata 40 millóns de euros a fondo perdido, o que permitirá reducir de maneira significativa o investimento inicial necesario para poñer en marcha novas iniciativas", dixo.
Ademais, os fondos contemplan apoio económico para o desenvolvemento de infraestruturas e a adquisición de equipamentos imprescindibles para iniciar a actividade, "o que contribúe a diminuír o risco financeiro das empresas e a facilitar a súa viabilidade a medio e longo prazo". O alcalde subliñou que este respaldo institucional supón un incentivo claro para a creación de emprego local e estable, cun impacto directo na mellora das condicións laborais e no asentamento de poboación.
Na súa valoración, o rexedor incidiu tamén no efecto tractor que estes fondos terán sobre a economía da comarca, ao impulsar a competitividade industrial e reforzar a posición das Pontes como un enclave estratéxico para o desenvolvemento de proxectos vinculados á transición enerxética e á reindustrialización. Neste sentido, sinalou que "apostar por As Pontes significa contar con apoio económico directo e cunha oportunidade única para medrar e consolidarse nun contorno industrial en plena expansión".