O alcalde de Burela aposta polo tren tras ver que un vagón marchou sen recoller pasaxeiros o día 13 de xullo

TerraChaXa | AMariñaXa
O alcalde, Alfredo Llano, insiste na necesidade de apostar polo tren da costa como servizo público.
22 Xul 2019

O alcalde, Alfredo Llano, insiste na necesidade de apostar polo tren da costa como servizo público. O rexedor referiuse ao ocorrido o pasado sábado, 13 de xullo, na estación do tren de Burela, cando un grupo de rapaces pretendía empregar este medio de transporte para acudir a varias citas festivas na Mariña e en Ortigueira. E levaron unha sorpresa ao atoparse cun só vagón, que ía ateigado de xente e que xa non abriu as portas para recoller a máis pasaxeiros. Alfredo Llano avoga porque en breve se volva reunir a comisión da que forman parte Concellos da Mariña, de Ortegal e de Ferrol para seguir a loitar por un tren de calidade.
O alcalde burelés contou que “o pasado sábado, día 13, que coincidía co inicio das festas do Carme en Foz e tamén había o Festival Internacional de Ortigueira, a sorpresa foi que se achegara o tren desde Ferrol con só un vagón, cando se ve que hai síntomas de que non funcionan as cousas ben no tren de Feve, que agora é Adif”.
Alfredo Llano subliñou que “sempre defendín este servizo como público e que se ten que promover para que faga a súa función. O outro día quedou en evidencia que hai un problema gordo, que penso que é integral e quere dicir que hai que abarcar as infraestruturas, os trens, os servizos, os horarios e todo. Polo tanto en canto se normalice a situación política, hai un grupo de traballo de xente da Mariña, de Ortegal e de Ferrol xunto con representantes de Adif máis da Xunta de Galicia, e tratamos que se atendan as necesidades da comarca porque cremos que é un medio extraordinario para o desenvolvemento integral da Mariña, tanto para a xente que se despraza, para o transporte de mercancías e tamén para potenciar o turismo. Así que eu penso que hai que coller isto con seriedade e con rigor, e facer do tren un medio de confianza para trasladar a moita xente e mercancías, e apostar decididamente por este servizo público”. 
Para o rexedor: “A imaxe que se deu o outro día deixa moito que desexar, evidencia que non está funcionando ben e debemos preocuparnos entre todos de que si funcione ben. Non é de recibo que un día de tanta xente pase isto. Tamén sei que na zona de Ortigueira ou non entraron ou ía xente sentada no chan e ao chegar a Burela nin abriron as portas porque estaba a reventar o tren e non puideron pasar. Outros anos nesa mesma data chegaron catro vagóns porque é o que se necesitaba para atender a demanda”. 
Llano insiste en que “hai que procurar que entre todos, as institucións, poboación civil e organizacións, debemos ser conscientes da importancia que ten poñer en valor este servizo. Debemos traballar todos xuntos para acadalo. Tamén hai que pensar que debemos deixar colocar as máquinas dunha maneira tecnoloxicamente actual, electrificar a liña e preparar as infraestruturas. Hai moito investimento que facer, pero hai que insistir en que é moi necesario, porque no futuro eu creo que vai ser un dos medios máis eficaces e menos contaminantes que se poden empregar. Así que en canto haxa oportunidade volvemos retomar o tema para que estas demandas, que son colectivas, se leven adiante”.
 

0.19803500175476