O alcalde de Burela cualifica as festas patronais como un éxito, exemplo de participación e de traballo conxunto
As festas patronais de Burela remataron hoxe coa homenaxe realizada aos náufragos no porto. O alcalde, Alfredo Llano, subliña a alta participación rexistrada na procesión do sábado e tamén nas verbenas, así como a vistosidade da alfombra floral. Llano agradece a colaboración de colectivos, asociacións e veciñanza para que as festas fosen un éxito.
O rexedor declarou que “rematamos as festas patronais deste ano que eu penso que quedan marcadas como uns festexos extraordinarios, dunha participación masiva e cun tempo tamén espectacular. Polo tanto temos que dicir que as festas deste ano de Burela foron un exemplo claro dun éxito de celebración, ademais moi ben relacionadas coa Virxe do Carme e San Xoán Bautista”.
Alfredo Llano salientou que “a alfombra que se fixo este ano gustou moitísimo, ademais dunha temática que todo o mundo se recoñece nela, que foi á dos cómics con personaxes de ficción e doutro tipo, foi espectacular en todo o seu percorrido, na súa formación e participación de moitísima xente. A verdade é que foi un exemplo claro de cómo se fan as cousas cando todo o mundo quere colaborar”.
O alcalde engadiu que “o sábado a procesión foi unha das máis masivas que eu teño visto desde que estou en Burela, fai xa vintenove anos. Foi masiva, moi respectuosa e moi bonita. A procesión marítima do domingo tamén foi un día especial, puidemos disfrutala e participar nela. Todo isto sumado ás atraccións musicais do venres, igual que a de onte, trouxo para Burela unha gran cantidade de xente procedente de toda a comarca da Mariña, pero tamén da provincia e da Coruña. Viñeron de moitos lugares”.
Llano dixo que “debemos estar contentos e queremos felicitar á comisión de festas, e tamén a quen levou toda a responsabilidade e participou traballando duramente na alfombra, e a todo o mundo que dun xeito ou doutro colaborou. Doulles a noraboa porque foi unha festa moi boa e creo que realmente repercutiu no social, no cultural e no económico dunha maneira moi positiva. Hoxe tivemos a cerimonia da ofrenda floral que é como se rematan estas festas, tendo unha homenaxe á xente do mar. Houbo bastante participación con representantes de traballadores do mar e familiares, entre todos dalgunha maneira creo que logramos facerlle unha pequena homenaxe á nosa xente do mar”.
O rexedor subliñou que “definimos as festas como un éxito, como un exemplo claro de participación e de traballar en conxunto. Estamos moi satisfeitos de ter celebrado estas festas como moi bonitas e quizais unhas das mellores dos últimos anos”.