O alcalde de Foz afea a actitude do voceiro do PP respecto ás obras na ponte de Forxán

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Ante as declaracións do voceiro local do Partido Popular o alcalde, Fran Cajoto, afea unhas manifestacións que “reprocho desde o punto de vista político, pola falta de rigor e honestidade, pero que me escandalizan como técnico”.
9 sep 2020

Ante as declaracións do voceiro local do Partido Popular o alcalde, Fran Cajoto, afea unhas manifestacións que “reprocho desde o punto de vista político, pola falta de rigor e honestidade, pero que me escandalizan como técnico”.

O rexedor municipal explica: “estase a opinar de forma torticeira sobre unhas obras moi necesarias, xa que con estes traballos as pontes acadaron unha altura de 5 m desde a estrada N-642, o que permite que transportes de maiores dimensións circulen pola Nacional, redundando na mellora da economía da zona, e que se eviten accidentes como os pasados. As afirmacións do voceiro do PP son totalmente erróneas e inexactas; gustaríame saber se falou con algún técnico do Ministerio -cousa que dubido moito vistas as declaracións-  e desde logo no Concello non se molestou en preguntar. As obras están a ser executadas pola Demarcación de Carreteras del Estado, pertencente ao Ministerio de Movilidad, e o Concello de Foz realizou diversas xestións: durante as obras e o corte da variante de Foz, o tráfico pesado desviouse polas estradas Cangas-Ferreira e Ferreira-Foz, evitando pasar polo centro do casco urbano; vanse arranxar as barandas das pontes e colocar sinalización a instancias do Concello na ponte de Forxán; aceleráronse os traballos e a posta en servizo das pontes por petición do Concello a instancia dos veciños: abriuse Forxán e esta semana permitirase a circulación en Mañente a pesar de que as obras non están terminadas en ningún dos pasos”. 

Fran Cajoto engade: “somos sabedores de que a ponte de Forxán ten unhas condicións difíciles para circular desde a súa posta en servizo alá polo ano 2000, pero non vimos ningunha xestión do voceiro do Partido Popular ao respecto durante os seus 8 anos de goberno.  Desde  o Concello si nos preocupamos de poñernos en contacto en distintas ocasións coa Demarcación de Carreteras en Lugo. Froito deses correos electrónicos e esas conversas a rampla incrementarase soamente dun 12,24%  a  un  12,69% pese a elevarse a ponte 25 centímetros. Ademais a obra non está acabada e a pendente prolóngase e suavízase co aglomerado en quente definitivo.  Aínda que non é o resultado que nos gustaría, as condicións previas da ponte fan moi complicado unha solución óptima”.

O alcalde manifesta ademais: “indígname que, unha vez practicamente terminados os traballos, o voceiro do PP pretenda falsear a realidade e embarrar o traballo deste equipo de goberno. Preocúpanme tamén as opinións sen fundamento que verte, xa que un representante público debe informarse e falar con rigor. En opinión dos técnicos do Ministerio resulta moito máis difícil rebaixar e modificar a rasante dunha estrada nacional, afectando non só ao firme senón tamén á plataforma durante varios centos de metros para axustala á norma de trazado: máis custo e máis prazo de execución, provocando ademais o peche da estrada durante un tempo prolongado”.

Cajoto remata lembrando que “esta falta de rigor e seriedade do voceiro do PP veuse en actuacións anteriores, como dispoñer as dúas rúas principais de Foz -Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro- no mesmo sentido de circulación ou denunciar en prensa o desbroce dun camiño municipal aseverando que era de titularidade da Deputación de Lugo”.

0.14875102043152