O alcalde de Foz amosa o apoio do equipo de goberno aos traballadores da ambulancia medicalizada

TerraChaXa | AMariñaXa
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, manifesta o seu apoio ao equipo de traballadores das ambulancias de Foz, cos que se reuniu onte, e amosa a súa preocupación pola supresión dun técnico no vehículo medicalizado.
4 Maio 2019

O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, manifesta o seu apoio ao equipo de traballadores das ambulancias de Foz, cos que se reuniu onte, e amosa a súa preocupación pola supresión dun técnico no vehículo medicalizado. O desacordo con esa decisión trasladoullo onte telefonicamente o rexedor municipal ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a quen lle pediu unha reunión urxente para abordar este asunto.

“Desde o equipo de goberno do Concello de Foz queremos mostrar a nosa solidariedade co equipo de traballadores das ambulancias que está no concello de Foz e que serve a toda A Mariña, concretamente coas peticións que fan os técnicos, despois de verse que no novo concurso de ambulancias de toda Galicia se elimina un posto de técnico na medicalizada de Foz. Esa mesma preocupación trasladeilla ao conselleiro de Sanidade e quero que me reciba o antes posible para tratalo de forma persoal porque entendemos que eliminar un dos dous técnicos que vai agora mesmo na ambulancia medicalizada non trae nada positivo para a poboación. Desde logo é dificilmente xustificable que iso non vaia afectar ao servizo”, explica o alcalde focense.

Javier Castiñeira engade que está “totalmente a favor das reivindicacións que fan os técnicos das ambulancias. Estamos encantadísimos dos servizos que están prestando e do cambio fundamental que foi ter unha ambulancia medicalizada en Foz, do cal nos sentimos tamén orgullosos desde este equipo de goberno por ter traballado para seguir tendo ese servizo; e imos seguir loitando para que non se reduza ou que sexa o menos posible. Aos traballadores das ambulancias de Foz dígolles que estamos con eles e que a súa voz chegará o antes posible ao despacho do conselleiro, onde imos mostrar esa insatisfacción de todos os veciños de Foz por esa decisión, que cremos que é unha parte minúscula do contrato. Parécenos moi ben que aumente o contrato e que resolva parte dos grandes problemas que existen agora mesmo de conflitos coas ambulancias en toda Galicia, pero é certo que o caso de Foz e da Mariña é un caso moi concreto, e que se ve minusvalorado o traballo dos técnicos na actividade da ambulancia medicalizada”.

O rexedor insiste en mostrar “o máximo apoio aos técnicos e a todos os traballadores da ambulancia, o noso descontento con ese concurso da Consellería, que claramente desfavorece ao servizo na Mariña; e estamos a disposición dos veciños para levar a nosa voz directamente á Consellería, trasladar o noso desacordo con esa situación e pedir que volva á normalidade posto que o custe é mínimo e o mal vai ser moito maior”.

0.16275596618652