O alcalde de Foz asume a área de educación e Inés López a de cultura
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, modificou as delegacións de competencias no Goberno municipal tras a toma de posesión como concelleiro de Javier Fraga Fernández no Pleno deste mes.
O rexedor municipal explica que “ás dificultades propias de goberno dun concello como Foz súmase na actualidade a gran problemática da covid-19. Certamente o esforzo en equipo é a única forma de traballo posible e a implicación de todos nótase: a ilusión polo servizo ás nosas veciñas e veciños é fundamental. Xa o fixen no pleno, pero non quero deixar pasar a ocasión sen darlle de novo a máis grande das felicitacións a Javier e desexarlle o mellor na andadura que comeza como concelleiro”.
Fran Cajoto anuncia que “o novo concelleiro, Javier Fraga, asumirá as delegacións de Festas e Servizos Públicos de Alumeado e Abastecemento, co obxectivo de reforzar o control e mellorar a xestión nestes servizos públicos. Inés López Couto, que é a segunda tenente de alcalde, faise cargo da carteira de Cultura, que se suma ás delegacións en Facenda, Emprego, Innovación, Administración Electrónica e Transparencia. As competencias en educación son asumidas polo propio alcalde, que xestionará directamente xunto con Obras, Urbanismo, Servizos -excluídos Alumeado e Saneamento- e Seguridade Cidadá. Creo necesario asumir directamente a xestión de Educación no momento actual de pandemia para que os centros educativos teñan unha información o máis directa posible e a solución ante un problema poida ser áxil”.
O resto de concelleiros seguen coas mesmas delegacións, o primeiro tenente de alcalde, Francisco Xavier Fanego Bermúdez, é responsable de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e Mar e Normalización lingüística. Ana Matea Rojo Eijo ten as delegacións de Asuntos Sociais e Familia, Gema Méndez Leivas segue coas de Deportes e Xuventude, María Milagros Louzán García ten atribuídas as de Muller, Igualdade, Inmigración e Sanidade, Jose María Linares Rodríguez continúa coas de Comercio, Turismo e Actividades Económicas, Carlos García Rodríguez segue coas de Comunicación, Relacións Institucionais e Coordinación da Axenda 2030.
O alcalde destaca que “o fundamento é sempre dar o mellor servizo posible ás nosas veciñas e veciños, con ese obxectivo continuamos traballando tódolos días”.