O alcalde de Friol anuncia a suspensión da Feira do Queixo
"Á vista da evolución dos acontecementos en relación coa crise do coronavirus e, despois de manter unha reunión con responsables de sanidade, o equipo de goberno municipal, decidiu suspender a edición número XXVIII da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá", segundo explicou nun comunicado o alcalde, José Ángel Santos, que rematou engadindo as razóns desta dura decisión:
"Para tomar esta decisión, estudáronse todas as consecuencias, a primeira e máis importante, a saúde da poboación e as recomendacións dos expertos para preservar a mesma.
Seguindo esas recomendacións, e @teniendo en cuenta que nun evento como o que nos ocupa, poden coincidir máis de vinte mil persoas, nun contacto moi directo, para facer as transaccións mercantís, non sería prudente nin responsable permitir a súa celebración.
Seguro que, tanto os veciños do municipio de Friol, como o resto de persoas que xa tiñan en mente asistir a esta importante Feira, entenden que se toma esta decisión, en aras do ben común.
Coñecedor da importancia da nosa feira para os meus veciños síntome tremendamente afectado, pero tamén actuando desde a responsabilidade, non me perdoaría, que ao día seguinte de celebrarse a Feira, algunha das persoas asistentes, dese positivo no virus, non soamente polo afectado, se non polos inconvenientes que se causaría a centenares de persoas que terían que poñerse en corentena, como tamén o prexuízo que todo iso supoñería para o noso municipio de Friol.
E non menos importante, o sistema público de saúde, que está a facer un labor envexable, pois temos o mellor do mundo. Desta forma, desde o Concello de Friol colaboramos para evitar a súa masificación. Se todos mantemos a responsabilidade individual e colectiva, seguindo as indicacións dos nosos sanitarios, seguro que en pouco tempo, o coronavirus deixará de ser unha preocupación.
OUTRAS CANCELACIÓNS
Esta non é a primeira cancelación que se produce, xa que as chamadas á prevención das autoridades sanitarias, tanto a nivel nacional como autonómico, avogan pola contención.
Así, a primeira foi a suspensión de toda a competición en Galicia de fútbol, fútbol sala e fútbol gaélico durante as próximas dúas semanas decretada pola Federación Galega de Fútbol, á que se sumou tamén a de baloncesto, así como outras competicións programadas para estas datas.
Así mesmo, quedaron canceladas outras celebracións previstas estes días como por a Xornada de Exaltación da Caza que se ía celebrar en Cospeito este domingo e a comida do 45 aniversario de ex alumnos do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei.
Por outra banda, o Concello de Vilalba anunciou a través dun comunicado polas súas redes sociais que manterá unha reunión coas autoridades sanitarias para analizar a ideoneidade de celebrar eventos previstos para estas semanas e que supoñen a afluencia de xente como a feira do queixo ou mesmo o FIV, os dous previstos para abril.