O alcalde de Muras asegura que o PP quere eliminar as axudas da luz

TerraChaXa
O PP de Muras impugnou os orzamentos aprobados e publicados no BOP de Lugo, para retrasar o pago das axudas da factura da luz
bombilla luz electricidade
25 Maio 2023

Explica que varios membros da candidatura do Partido Popular presentaron alegacións ao orzamento municipal para retrasar a súa entrada en vigor, impedindo que se poidan pagar as axudas correspondentes ao ano 2022, cuxo expediente xa está resolto e só pendente de pago.

O pasado luns, varios membros da candidatura do partido popular de Muras impugnaron os orzamentos aprobados e publicados no BOP de Lugo, "para retrasar o pago das axudas da factura da luz do ano 2022", segundo explicou o alcalde de Muras, e candidato á Alcalía, Manuel Requeijo.

"Con estes feitos confírmase o que era un segredo a voces, que a candidata do PP, Eugenia Requeijo quere eliminar a ordenanza das axudas e suprimir as cantidades que aprobamos no orzamento municipal para pagalas. E en vez de dar a cara ela mesma e dicirllo abertamente aos veciños, utiliza a varios membros da candidatura para evitar as críticas directas da veciñanza, un comportamento cobarde e pouco ético, dado que no debate de aprobación dos mesmos non dixo nada", explica.

"Despois de subir o prezo da luz unha barbaridade nos últimos anos e de gañar grandes cantidades de diñeiro, o PP segue empeñado en que que non se repartan os beneficios destas empresas, e agora en Muras, impiden que poidamos repartir as axudas do ano pasado", engade.

O candidato do BNG, Manuel Requeijo manifestou que “é indecente o que fai o partido popular de Muras. Nunca quixeron que aprobaramos as axudas da luz, porque no fondo eles cren que non son xustas, vai en contra dos seus principios e das súas ideas”. Requeijo engadiu que “a candidata do PP, Eugenia, para non dar a cara, mandou a outras persoas da súa lista a impugnar as contas municipais, para impedir que poidamos pagar xa as axudas da luz do ano pasado, demostrando a súa covardía”.

Por último, o alcalde e candidato nacionalista apuntou que “se goberna o BNG, a xente pode ter a garantía de que as axudas non se van eliminar no noso concello e se van pagar as axudas do ano pasado. Co BNG ao fronte do concello, os beneficios das eléctricas seguirémolos repartíndoo entre os veciños porque é de xustiza social, así o cremos e así o faremos, por iso pídovos o apoio nas vindeiras eleccións, para que o PP non poida eliminar as axudas da luz en Muras”.

0.19140601158142