O alcalde de Muras di que o PP estase a burlar da xente que vive do gando
O alcalde de Muras, resumiu con esta frase, o despropósito que o Partido Popular de Galicia está a facer coas iniciativas que está presentando para que os concellos aproben liñas de axuda para compensar as perdas de reses por ataques de animais salvaxes como o Lobo.
Para o alcalde de Muras, isto é a demostración, de que o PP dende a Consellería de Medio Rural nin fixo nin quere facer nada, porque eles son os que teñen as competencias para resolver estes problemas que supoñen cuantiosas perdas económicas para os gandeiros que sofren estes ataques todos os anos. O mandatario murés, lembra que a Consellería se comprometeu fai máis dun ano a elaborar o estudo das poboacións de lobos, e que a día de hoxe non ten noticias nin de que se comezara, ademais de aumentar as contías de axudas, así como a axilizar o pago das mesmas.
Manuel Requeijo manifestou que “O PP actúa cunha irresponsabilidade inaudita, ao pasar totalmente de todo neste tema, e intentar pasarlle a pelota aos concellos. Logo aparecen nunha granxa para sacarse unha foto coas vacas, e dicir que o PP está coa xente do medio rural. Unha burla en toda regra.”. Finalmente, o rexedor afirmou que “O alcalde de Muras ten un compromiso firme cos gandeiros, e sabe perfectamente de que lado está, e por iso o 8 de maio vai estar dando a cara na manifestación de Compostela. O Partido Popular que se deixe de promesas e panfletos, e que se poña as pilas xa.”