O alcalde de Muras esixe á Xunta rematar coa problemática causada polo lobo

TerraChaXa
A presenza do lobo na serra do Xistral segue a ser un problema para moitos gandeiros e gandeiras que observan como as perdas de gando polo ataque deste animal van en aumento e, polo tanto, que urxen a buscar unha solución xusta.
11 Out 2017

A presenza do lobo na serra do Xistral segue a ser un problema para moitos gandeiros e gandeiras que observan como as perdas de gando polo ataque deste animal van en aumento e, polo tanto, que urxen a buscar unha solución xusta.

Neste sentido, a postura do BNG é moi clara, e o alcalde de Muras, Manolo Requeijo, ponse do lado dos gandeiros e gandeiras. “A Xunta debe indemnizar as perdas de gando derivadas de ataques do lobo polo 100% do valor real, é dicir, polo valor de venda no mercado”. E, posto que o responsable último da fauna salvaxe é a Xunta de Galicia, ínstaa a modificar o sistema das indemnizacións.

O rexedor nacionalista afirma que “a Xunta nunca tivo unha planificación seria do medio rural, vai improvisando segundo acontecen as cousas, e segue sen ofrecer unha resposta xusta para os homes e mulleres que traballan no rural. Fan moita publicidade para vivir no campo, pero ao final todo é propaganda barata. Non serve de nada a campaña “cero impostos no rural” se ao final o que hai é cero compensacións, cero axudas e cero solucións. Os gandeiros vanse dando conta que a política da Xunta para o rural é dun cero moi, moi redondo”.

Finalmente Manolo Requeijo di que “a Xunta pensa que a perda do gando pode compensarse con 150 euros, e aínda por riba, cun retraso de dous anos e despois de moita burocracia. A conselleira sabe perfectamente que as perdas dunha vaca, dun poldro ou dun tenreiro van moito máis alá e sobrepasan os 1.000 euros. Se a Xunta quere lobos no monte, debe asumir as consecuencias e facerse responsable das indemnizacións de forma xusta para os gandeiros de Muras e da comarca”.

0.15985894203186