O alcalde de Muras explica aos provedores nunha misivas as razóns dos atrasos nos pagos

TerraChaXa
Afirma que o voto en contra de PP e PSOE en contra do acordo é o causante do bloqueo
concello-muras
Concello de Muras
3 Xuño 2024

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, enviou unha carta a todos o provedores pendentes de pago do Concello na que explica os atrasos neste último semestre.

Segundo indica na misiva, os atrasos non teñen que ver con ningún problema económico ou de falta de liquidez, senón “ao bloqueo permanente da oposición na aprobación do expediente de pago no Pleno municipal”.

Explica o alcalde que levou aos dous plenos de abril e maio o expediente de pago das facturas, todas elas pendentes por cuestións administrativas, como correccións de erros ou esgotamento da partida orzamentaria. “Nos dous plenos, o Partido Popular e o PSOE votaron en contra do acordo, impedindo coa súa maioría que poidamos proceder a abonar as facturas polas prestacións que nos ten feito”, di.

Así mesmo, Requeijo asegura que seguirá traballando para que dar solución a este “desasisado bloqueo” para poder facer os pagos o antes posible.

O alcalde criticou con anterioridade a “alianza” entre PSOE e PP para “tratar de bloquear o concello de Muras”. “Ambos partidos da oposición están empeñados en facer pinza contra o goberno local, aínda que sexa a costa de privar aos autónomos e empresas de Muras e da comarca de cobrar as súas facturas polos traballos e subministros realizados”, dixo.

Explicou Requeijo que na comisión informativa os dous representantes calaron e non dixeron nada, nin para aportar, nin para modificar. “Se non se posicionan ou informan na comisión das súas propostas, é imposible saber que é o que queren” manifestou o alcalde de Muras, que só ve nesta conduta unha escusa para votar que non: “Cando non hai motivos suficientes para soster un argumento, acábase caendo no infantilismo”.

“Eu seguirei traballando polos intereses da veciñanza de Muras, lles guste ou non á oposición e levarei de novo o acordo ao pleno para pagar esas facturas e as axudas porque as empresas e veciños non teñen culpa de nada. Para cobrar eles as súas dietas non votan en contra. Espero que expliquen publicamente as razóns do voto negativo, a ver se nos enteramos polo menos, porque no pleno e na comisión non dixeron un só argumento razoable”, tiña engadido.

0.18828988075256