O alcalde de Muras informa á veciñanza do acordo histórico con Iberdrola que permitirá mellorar as axudas da luz

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, informou á veciñanza sobre o acordo alcanzado co grupo Iberdrola, propietario de varios parques eólicos no municipio, que permitirá ao Concello obter ingresos anuais mínimos de 325.000 euros. A empresa comprometeuse a ingresar 125.000 euros máis IPC para manter as axudas da luz e a abonar o 2,5 % do valor da enerxía eléctrica producida cada ano, sen que esta cantidade sexa inferior aos 200.000 euros máis IPC.
Segundo explicou o rexedor, este convenio permitirá continuar co programa de axudas á enerxía iniciado en 2015, que desde entón destinou arredor de 1.000.000 de euros a combater a pobreza enerxética, facendo que ningunha familia teña que mirar a conta bancaria para acender a calefacción. Ademais, os terreos rústicos que queden sen aproveitamento eólico ao repotenciar os parques poderán volver aos antigos propietarios ou herdeiros a prezo de mercado, ou ser cedidos de balde se se destiñen a usos agropecuarios.
O acordo foi aprobado no pleno do pasado 14 de xaneiro cos votos a favor do BNG e dun concelleiro non adscrito, mentres que o Partido Popular e o PSOE se abstiveron. O alcalde sinalou que este convenio supón “un antes e un despois” para concellos con parques eólicos, xa que o diñeiro chegará directamente ao Concello sen pasar pola Xunta de Galicia, que ata agora recadaba aproximadamente 2.000.000 de euros en Muras, dos cales ao municipio só lle correspondían arredor de 500.000.
O rexedor subliñou que o sistema de axudas á enerxía verase modificado coa entrada en vigor do convenio, concedéndose segundo consumo e ampliando as cantidades para liña doméstica e PYMES. O alcalde definiu o acordo como “o comezo dun futuro mellor para Muras, con maior autonomía financeira sen depender de administracións que dificultan o noso crecemento”.