O alcalde de Muras recibe o premio Galicia do Deporte para o Trail das Bestas pola súa xestión sostible
O Trail das Bestas, a emblemática proba de montaña organizada no Xistral desde o ano 2017, foi distinguido nos XV Premios Galicia á Xestión Deportiva, na categoría de Xestión sostible no deporte. Este recoñecemento, outorgado pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede), destaca o labor colectivo na organización deste evento que xa se consolidou como unha das citas máis importantes no ámbito deportivo galego.
O galardón foi decidido por un xurado composto por 12 membros e a entrega tivo lugar nunha gala celebrada en Carballo. O alcalde, Manuel Requeijo, que estivo acompañado pola tenente de alcalde, Paula Gómez Souto, tamén responsable de deportes, recolleu o galardón.
O mandatario expresou as intencións da creación da proba, coa que "buscamos dar a coñecer unha das serras máis fermosas que hai en Galicia". Así mesmo, destacou que "a mostra do cariño que poñemos na organización desta proba vese reflectido ano tras ano na implicación dos veciños e veciñas á hora de participar na organización, na súa dispoñibilidade á hora de ceder as fincas e pasos, de estar pendentes de botar unha man en todo o que se precise, son axentes indispensables”.
Desde o Concello de Muras expresaron o seu agradecemento a todas as persoas que fixeron posible este recoñecemento e mencionaron tamén a contribución dos anteriores tenentes de alcalde, Belén Chao e Mario Rouco.
Un evento en crecemento
O Trail das Bestas demostrou ser moito máis que unha carreira. Este ano, na súa sétima edición, celebrada o pasado 7 de xullo, foi incluído no Campionato Galego de Maratón, contando coa participación de máis de 300 deportistas.
Este recoñecemento supón un impulso para seguir promovendo o deporte sostible e a convivencia coa natureza, valores que caracterizan o Trail das Bestas. Desde o Concello de Muras, felicitan tamén ao resto das persoas e entidades galardoadas nesta edición dos Premios Galicia á Xestión Deportiva.