O alcalde de Muras reúnese co Agader para falar de iniciativas para o desenvolvemento rural
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo onte un encontro co alcalde de Muras, Manuel Requeijo, para tratar as necesidades dos veciños deste municipio lucense. Así, na xuntanza falaron das posibilidades de dinamización e xeración de riqueza que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou as iniciativas impulsadas a través dos grupos de desenvolvemento rural.
No que se refire á Lei, a directora xeral lembroulle ao rexedor que as aldeas modelo buscan recuperar contornas de núcleos de poboación, mentres os polígonos agroforestais se centran en poñer en valor grandes superficies de terreo. Tamén se referiu á figura das agrupacións de xestión conxunta, que poden ser agrogandeiras ou forestais, e mediante as que varios propietarios poden xestionar conxuntamente as súas parcelas.
No encontro, Inés Santé referiuse a estes instrumentos da Lei de recuperación como ferramentas concibidas para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.
Ademais, na xuntanza trataron as oportunidades que ofrecen os grupos de desenvolvemento rural -neste caso, a Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, que actúa en Muras entre outros concellos- para promover iniciativas que axuden a dinamizar o territorio. No caso deste municipio, abordaron a relevancia de levar a cabo proxectos, por exemplo, arredor da transformación do mel.
A maiores, no encontro de traballo abordáronse melloras en materia de fomento do gando en extensivo. Neste sentido, a directora xeral trasladoulle ao rexedor que se está a avaliar a inclusión, no proxecto de aldeas intelixentes, do desenvolvemento de sistemas para o seguimento das reses, orientados a garantir o seu benestar e seguridade, así como a sustentabilidade ambiental destas prácticas.