O alcalde de Muras solicita unha reunión co presidente da Deputación para abordar o mal estado das estradas

TerraChaXa
Son moitas as queixas que sobre isto fan chegar ao Concello os veciños e veciñas
estado-fochancas-estrada-muras
30 Jun 2025

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, solicitou unha reunión co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para tratar de forma urxente o mal estado no que se atopan as estradas provinciais que atravesan o municipio. Segundo explica o rexedor, a situación de deterioro do firme, con fochancas e afundimentos en varios tramos, está a xerar problemas de seguridade viaria tanto para os veciños como para os transportistas que utilizan estas vías de forma habitual.

Requeijo sinala que esta demanda foi transmitida en varias ocasións á área de vías e obras da Deputación, sen que ata o momento se teñan realizado actuacións que solucionen de forma efectiva estas deficiencias. “É preciso que se acometan melloras canto antes, especialmente nas vías que comunican co resto da comarca e que son fundamentais para o día a día da veciñanza”, subliña o alcalde, quen tamén lembra, que son moitas as queixas que sobre isto fan chegar ao Concello os veciños e veciñas.

Desde o Concello de Muras inciden en que o obxectivo desta reunión é acordar un plan de actuacións con prazos claros que permitan garantir a seguridade e mellorar as comunicacións no municipio, evitando que o deterioro avance e implique un maior custo de reparación no futuro.

⚙ Configurar cookies
0.16391706466675