O alcalde de Muras urxe á Deputación o arranxo da ponte entre Viveiró e a Balsa, que pechou ao tráfico polo temporal

O alcalde Muras, Manuel Requeijo, trasladou á presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, a urxencia de arranxar a ponte que une O Viveiró e A Balsa na estrada LU-P-6502, entre Vilalba e Chavín.
O rexedor mantivo unha xuntanza coa presidenta provincial, na que se interesou polo prazo de execución das obras previstas na vía, que permanece pechada ao tráfico desde o pasado 27 de xaneiro.
Requeixo urxiu unha actuación que resolva no prazo máis breve posible o corte desta vía, que obriga á veciñanza, especialmente a gandeiras e gandeiros, a desvíos que supoñen tempo e custos que dificultan o seu día a día.
O alcalde murés solicitou tamén actuacións de mantemento nas vías de titularidade provincial que pasan polo municipio, tanto no pavimento como nas gavias, cuxo mal estado evita a drenaxe da auga e acelera o deterioro do firme.
Na xuntanza, abordaron tamén fórmulas de colaboración que faciliten a implicación do persoal técnico da Deputación na elaboración do inventario de vías municipais que está a elaborar o Concello.