O alcalde de Pol ofreceu o pregón das festas do San Froilán de Barcelona

Pol
TerraChaXa | LugoXa
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participa nas festas do San Froilán de Barcelona, que se celebran esta fin de semana en Nou Barris.
festas san froilan barcelona alcalde de pol
1 Oct 2023

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participa nas festas do San Froilán de Barcelona, que se celebran esta fin de semana en Nou Barris. A Deputación colabora coa organización deste multitudinario encontro, que promove a Asociación de Amigos de San Froilán de Barcelona para reunir á comunidade lucense e galega en Cataluña e reforzar así “os lazos de confraternidade” entre ambos pobos.

A festa, que arrancou o venres e remata hoxe coa misa e procesión na honra do patrón de Lugo, contou este sábado coa presenza da rexedora de Nou Barris, Rosa Alarcón, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o alcalde de Pol, que foi este ano o encargado de ofrecer o pregón, entre outras autoridades.

“A provincia de Lugo ten unha fermosa xeografía no mapa, pero ten unha xeografía emocional, do sentimento, moito máis importante, na que os lucenses de Barcelona, de Cataluña, ocupan un lugar moi destacado”, subliñou Rivera Capón, quen agradeceu á Asociación de Amigos de San Froilán “que nos permita como Deputación manter un contacto directo cunha parte fundamental da nosa provincia e agradecerlles o seu papel como os mellores embaixadores dos valores de Lugo en Cataluña”.

Pablo Rivera puxo en valor “a capacidade de traballo da comunidade lucense, a súa aportación á convivencia, á promoción da cultura e o compromiso para manter as tradicións”, así como “a defensa da lingua, un patrimonio fundamental, que define a nosa esencia como galegos e que, afortunadamente, cada vez gaña máis espazos públicos con total normalidade”, porque, “lonxe de separar, as linguas unen, axúdannos a entender ao outro, a querer coñecer mellor cal é a súa visión do mundo”.

O deputado felicitou ao alcalde de Pol, Lino Rodríguez, por ser nomeado como pregoeiro das festas este ano. “Outro deses lucenses que traballa cada día, con dedicación e empeño, polo benestar dos seus veciños e veciñas. Un alcalde que comprende e valora a importancia da emigración na nosa realidade social, económica e cultural”, asegurou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.078068017959595