O alcalde de Ribadeo convida a desfrutar das festas da patroa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
7 sep 2019

O alcalde, Fernando Suárez, convida a desfrutar das festas patronais que se celebran estes días. O rexedor destaca o traballo realizado pola comisión organizadora.

Suárez Barcia dixo que “como cada ano por estas datas temos ao noso insigne pobo de Ribadeo en festas. Co traballo duns poucos, de Juan, de Avelino e de Marta, que son os integrantes desta comisión de festas, que traballaron como formiguiñas nestes meses anteriores, e tamén contaron co apoio de todos dos que dun xeito ou doutro colaboramos. Desde o Concello con estes 25.000 euros que se lles achegaron e con todo o apoio loxístico, técnico e humano que puideron precisar, así como o resto de institucións tanto públicas como privadas que achegaron o seu graíño de area, fose máis grande ou máis cativo, e de todas aquelas persoas a título individual que tamén participaron neste traballo colectivo”.

O alcalde manifestou que “con todo isto estamos xa en plena celebración das festas para goce de todo o mundo, dos máis pequenos en primeiro lugar, dos adolescentes tamén e do resto da veciñanza, que aproveitamos estas festas como unha pequena prolongación do verán e como unha mini pausa nos quefaceres habituais para estar cerca dos nosos e das nosas familias, antes de que partan moitas delas aos seus lugares de residencia. Aproveitamos polo tanto intensamente esta fin de semana”.

Fernando Suárez engadiu que “tempo haberá para seguir lidiando e loitando contra os problemas e os desafíos que temos por diante. Eu o que pido, como alcalde de Ribadeo, como alcalde de todos e todas, que debemos tomar alento nestas festas da Patroa de Ribadeo e logo, para a semana que ven, collamos polos cornos todos os problemas e desafíos para seguir facendo de Ribadeo un lugar digno, libre e aberto, onde poidamos seguir dicindo que estamos orgullosos de sermos de Ribadeo”.

0.18736886978149