O alcalde de Ribadeo di que os vertidos ao río Grande comezaron coa instalación dunha factoría preto do cauce

TerraChaXa | AMariñaXa
7 Mar 2019

O alcalde, Fernando Suárez, lembra que a captación de auga a Lexoso existe desde hai 60 anos e subliña que os vertidos comezaron a producirse coa instalación dunha factoría industrial preto do cauce do río Grande, no municipio veciño de Barreiros. O rexedor rexeita así as críticas efectuadas desde a Cooperativa Os Irmandiños e desde o PP. O rexedor dilles aos responsables de factorías industrias que “non é correcto botar balóns fora por unha deficiente xestión dos lixiviados resultante da fermentación de forraxes para a gando”. E engade: “aos novos paracaidistas populares dicirlles que non é axeitado lavarlles a cara aos seus compañeiros de partido da Xunta de Galicia que, nestes catro anos, se puxeron de lado para agora dicir que se lavan as mans, que non é cousa da Xunta pois desde hai uns meses toda esta zona pasou a pertencer á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, e que sexa ela a que poña orde nesta situación”.
Fernando Suárez declarou que “aínda que estamos en época de Entroido, cómpre non agacharse detrás das carautas e das máscaras sobre unha cuestión moi peliaguda como é a que vimos sufrindo desde hai catro anos a conta da vertedura de lixiviados ao río Grande, no termo municipal de Barreiros, e que acaban repercutindo na captación de auga para o consumo humano que temos en Ribadeo”.
O alcalde dixo: “vemos con asombro dúas notas de prensa, unha da cooperativa e outra dun candidato paracaidista local, onde agora resulta que os culpables duns vertidos que non se producen nin pola nosa culpa, nin no noso concello, imos ser nós. Vemos igualmente argumentos pueriles de que o lugar da captación da auga quizais non sexa o máis axeitado pois está nunha conca gandeira que pode xerar contaminación das augas, ou sexa, están suxerindo que deberíamos quitar a captación de aí e buscármonos a vida para surtir a auga doutro lugar. Supoño que sería así para que xa houbese patente de corso para que se puidera contaminar o río a cano libre”.
O rexedor subliñou que “esta captación de Lexoso está autorizada desde os anos 50 do século pasado, e está nun lugar que sempre tivo unha importante carga gandeira. O certo é que nestes practicamente sesenta anos nunca houbo problemas de calidade desta auga ata hai aproximadamente catro ou cinco anos, coincidinte coa instalación dunha factoría industrial perto do cauce dese río Grande, xa en Barreiros”.
Suárez Barcia seguiu a relatar: “sigo remitíndome a feitos e non a valoracións subxectivas. O feito de que levemos advertido cando se producen contaminacións nas augas, levou á Xunta de Galicia a manifestarnos que xa procedera en varias ocasións a sancionar a esta factoría por non tratar correctamente os seus lixiviados. Tamén é un feito obxectivo que, despois de tantas denuncias que levamos feito diante de numerosos organismos, levou á xustiza a abrir unha fase de instrución dunha causa xudicial por toda esta situación. Como se pode ver non é cousa menor, e o Concello de Ribadeo tampouco é responsable do que outros deixen ir ao río”.
O alcalde dirixiu dúas mensaxes “aos responsables de factorías industriais lles queremos dicir que non é correcto botar balóns fora por unha deficiente xestión dos lixiviados resultantes da fermentación de forraxes para o gando. E aos novos paracaidistas populares que se queren estrear na política local, dicirlles que non é axeitado lavarlles a cara aos seus compañeiros de partido na Xunta de Galicia, que nestes catro anos se puxeron de lado, para agora dicir que se lavan as mans, que non é cousa da Xunta pois desde hai uns meses toda esta zona pasou a pertencer á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, e que sexa ela quen poña orde nesta situación”.
Para o rexedor “instalacións industriais coma estas, pola afección ambiental que poidan ter, ademais de estar sometidas a controis municipais como a licenza de actividade do seu Concello e o seguimento posterior que poida ser necesario, vense sometidas, cando menos, á avaliación ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, tanto nunha análise previa á posta en marcha, que posibilite introducir medidas correctoras e facilitando a súa posterior vixilancia e control, como no propio seguimento posterior, asegurando que este tipo de instalacións compren a normativa ambiental de aplicación e realicen unha adecuada xestión de todas as súas emisións que poidan ter un efecto negativo no medio natural”.
Fernando Suárez conclúe sinalando que “hai sitio para todo, uns para producir e outros para captar auga que serva de abastecemento para o consumo humano das 10.000 persoas que vivimos en Ribadeo. Nós desde o Concello non queremos liortas con ninguén, nin queremos amolar a ninguén. Só queremos ter o dereito lexítimo, legal e medioambiental a ter unha auga de calidade desta captación de Lexoso, como o viñemos tendo nos 55 dos 60 anos de existencia desta captación de Lexoso, no río Grande”.

0.19086313247681