O alcalde de Ribadeo fíxolle chegar a Begasa o malestar xerado entre a veciñanza tralos continuos cortes de luz

TerraChaXa | AMariñaXa
O alcalde, Fernando Suárez, comunicoulle hoxe á empresa Begasa o malestar xerado entre a veciñanza tras os cortes de luz que se viñeron producindo nos últimos días na vila, o último deles esta mesma mañá.
14 Maio 2019

O alcalde, Fernando Suárez, comunicoulle hoxe á empresa Begasa o malestar xerado entre a veciñanza tras os cortes de luz que se viñeron producindo nos últimos días na vila, o último deles esta mesma mañá. O rexedor subliña que non pode repetirse esta situación e manifesta que Begasa ten un sistema de cableado anticuado e deficiente e que os seus transformadores están a dar problemas.
Suárez Barcia declarou que “desde o Concello de Ribadeo querémonos facer eco das queixas motivadas e lexítimas que está habendo polos microcortes que Begasa, a empresa responsable do subministro eléctrico para esta comarca e para este concello, está producindo en Ribadeo”.
O rexedor dixo que “pensamos que isto sería unha cousa doutro tempo desde que está a subestación eléctrica funcionando en Ribadeo, pero o certo é que xunto con esta infraestrutura nova e moderna, Begasa ten un sistema de cableado un tanto deficiente e anticuado, e algúns dos seus transformadores tamén presentan problemas de cando en vez”.
Fernando Suárez manifestou: “somos conscientes de que nestes últimos tempos están intentando actualizar a rede que teñen de cableado máis deteriorado, pero acabamos de dialogar con eles para dicirlles que isto non pode ser. Non podemos estar permanentemente sufrindo microcortes, co trastorno que pode xerar nalgúns electrodomésticos que se poden estragar, e que xa que na factura eléctrica non se perdoa aos veciños nunca, por moitos microcortes que haxa, esta situación non pode ser así. É intolerable que siga existindo e de aí a nosa queixa e a reclamación que acabamos de transmitirlle formalmente a Begasa”.

0.23926782608032