O alcalde de Ribadeo supervisou a reforma do campo de fútbol Pepe Barrera

TerraChaXa | AMariñaXa
20 Xul 2019

O alcalde, Fernando Suárez, acompañado dos concelleiros de Obras e Deportes, Mónica Freire e Jorge Díaz, supervisaron as obras de rexeneración do campo de fútbol Pepe Barrera, que comezaron hai uns días. O prazo de execución é de seis meses e o presuposto ascende a 421.000 euros.
Os traballos contemplan a instalación de drenaxe soterrado e de drenaxe perimetral para canalizar as augas pluviais, así como a substitución das barandas perimetrais e dos bancos e a creación de dous viveiros de céspede natural, entre outras actuacións. 
O rexedor explicou que “estamos desde o Concello de Ribadeo nestes días iniciando as obras de rexeneración total do campo de fútbol Pepe Barrera, nestas importantísimas e ambiciosas obras de mellora destas instalacións que van contar cun novo campo de fútbol de herba natural”.
Fernando Suárez contou que “para esa renovación hai que facer unhas complexas redes de rego, unhas instalacións de drenaxe subterráneos baixo unha capa drenante, así como a instalación de drenaxe perimetral para canalizar todas as augas pluviais. Tamén hai que deixar as canalizacións listas para unha futura rede de iluminación led. Estas obras inclúen tamén a substitución das barandas perimetrais existentes e bancos, colocados agora en nova localización. Inclúe tamén a instalación dunha pantalla led e vanse realizar dous viveiros de céspede natural, coas mesmas características que o campo, para utilizalo na substitución do terreo de xogo que se vaia estragando pola propia competición”.
O alcalde sinalou que “a duración das obras son seis meses. A obra en si son tres, pero hai que sumar outros tres meses de nascencia do propio céspede. O importe das obras son 421.000 euros dos que temos confirmados 140.000, a través do convenio asinado hai un par de meses coa Deputación de Lugo, e estamos á espera de asinar o convenio coa Xunta de Galicia pola cantidade de 46.200 euros, nada máis e nada menos, polo que o Concello asumirá a parte restante, que é a importante suma de 235.000 euros. Polo tanto esperemos que toda a execución vaia indo ben, que o tempo acompañe e que, ben a finais deste ano ou a principios do que ven, o mundo do deporte e especialmente o do fútbol vexa colmado o seu obxectivo de ver o Pepe Barrera como un campo á altura do que Ribadeo merece”.

0.15885591506958