O alcalde de Riotorto abordou con Feijóo o impulso aos servizos sociais e futuras obras

TerraChaXa | AMariñaXa
O presidente da Xunta abordou co alcalde de Riotorto o impulso aos servizos sociais coa creación dunha casa do maior e dunha residencia
casa do maior riotorto
14 Dec 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou co alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, o impulso aos servizos sociais coa creación dunha casa do maior e dunha residencia.

Durante o seu encontro co rexedor de Riotorto, Feijóo valorou que fosen adxudicadas as dúas solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 22 de marzo de 2021 para a creación de casas do maior. Deste xeito, o concello contará proximamente con 10 prazas de atención diúrna para maiores –5 en cada casa-.

No tocante á creación dunha residencia, o presidente da Xunta trasladoulle a Iglesias González o plan de investimentos da Consellería de Política Social para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais. Segundo lle explicou Feijóo, os concellos que resulten seleccionados e cumpran os requisitos poderán recibir un financiamento máximo de 1,2 millóns de euros para a construción dunha residencia a través da sinatura dun convenio de colaboración co Consorcio.

A maiores, na reunión tamén analizaron a nova planta de transferencia  de residuos que se vai instalar no concello. Feijóo salientou que esta nova instalación, cuxa licitación podería realizarse en marzo de 2022, se integrará na nova rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para que os concellos galegos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros.

No que respecta ao planeamento urbanístico, Feijóo avanzou que o Plan Básico Municipal podería aprobarse definitivamente no primeiro trimestre de 2022.

0.13963508605957