O alcalde de Xove mellorará camiños e prevé a construción de vivendas fronte ao colexio

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
10 sep 2019

O alcalde popular de Xove, Demetrio Salgueiro, afronta con ilusión un novo mandato, dende que asumira a alcaldía en 2007, pero faino sen poñerse prazos porque pensa en traballar día a día, en ir marcando obxectivos e planificando o que se pode mellorar na municipalidade.

Que cre que sería urxente facer agora en Xove?

O máis importante sería arranxar as estradas da Deputación. Son 40 kilómetros que temos en moi mal estado. Chegara a un acordo con Darío Campos, o expresidente, para facelo, polo que haber hai un compromiso. Agora en setembro reuniréime co novo presidente provincial para impulsar esa medida. Tamén colaboraríamos con fondos propios, co que sairía a actuación ao 50 por cento.

Que novidades haberá en canto a urbanismo?

Queremos impulsar o desenvolvemento dunha área para a construción dunha zona para vivendas unifamiliares fronte ao colexio. A idea é a de urbanizar eses terreos. Agora estamos co proxecto de reparcelación e o que tardara en edificarse dependería tamén dos propietarios. Aparte queremos ampliar o polígono industrial porque o noso terreo está case esgotado e para iso hai un convenio asinado con Xestur para expropiar terreos.

Que medidas acadaron nos primeiros plenos celebrados en Xove tralos comicios municipais?

Houbo un pleno de organización e no último, de carácter ordinario, aprobamos unha modificación de crédito de 400.000 euros para solicitar crédito por necesidades que foron xurdindo, aínda que temos un remanente de tesourería pero necesitabamos mellorar viais e por iso destinamos 200.000 euros a iso. Tamén queremos encargar un sondeo arqueolóxico nas ruínas de San Tirso en Portocelo.

De que se sinte máis orgulloso tralo traballo realizado ata o de agora?

Sobre todo de manter os servizos na época da crise económico, lograr manter servizos e ademáis de calidade e de colaborar con tódalas asociacións. Os veciños pagan moi pouco de impostos e teñen uns servizos de calidade equiparables aos dunha cidade media. Grazas a iso, veu xente nova a vivir pola calidade de vida que temos, polas actividades para os nenos e porque é un pobo tranquilo que está a un paso de todo na Mariña. Agora toca manter o acadado e ir mellorando infraestructuras. Pero melloramos as instalacións deportivas, cun campo de herba artificial, melloramos o pavillón e a piscina municipais, os centros das parroquias para uso veciñal, os accesos ás parroquias e traballos no eido do turismo. De feito estamos conservando a zona de costa practicamente intacta, aquí non chegou o boom urbanístico. Co tempo agardo que se cree un hotel por exemplo.

 

0.16613698005676