O alcalde ribadense négase a suprimir temporalmente os impostos a autónomos e empresas
O alcalde e o seu equipo de goberno "néganse a suprimir temporalmente os impostos que recada a autónomos e empresas de Ribadeo con dificultades para desenvolver a súa actividade", tal e como demandou na tarde de onte o Partido Popular. Os nacionalistas votaron en contra desta petición que os populares fixeron a instancias do seu voceiro, Dani Vega, e co fin de axudar aos empresarios máis afectados pola crise sanitaria.
Para este Grupo Municipal a postura do BNG resulta inadmisible e censuran a presa do Goberno local por volver a cobrar as taxas trala situación de emerxencia en vez de inxectar liquidez ao tecido económico da vila.
“Todos sabemos que estamos a sufrir unha crise sanitaria que está a ter unhas consecuencias económicas e que, nestes momentos, temos que estar do lado do tecido económico local. Retirar os impostos significa colaborar economicamente con todos e cada un deles. O BNG e o alcalde non o entenderon e van a seguir cobrándoos. Por iso, nos preguntamos onde está o apoio econòmico do Concello e o orzamento destinado ás nosas empresas?”. Con todo, e malia a postura dos nacionalistas, Dani Vega avanza que “imos a seguir xestionando orzamento e impulsando iniciativas que impulsen Ribadeo”. “O alcalde e o BNG non estiveron nisto e tampouco dende que se iniciou a pandemia, pero nós cremos que é necesario un consenso político en beneficio de todos”, afirma.
Mercado dos mércores
Os nacionalistas tamén se opuxeron á iniciativa dos populares de devolver o mercado dos mércores ao seu emprazamento habitual, na contorna da Praza de Abastos. A edil Begoña Sanjurjo considera que se trata dunha media necesaria, xa que o cambio realizado pola entidade local está a provocar claras desvantaxes e vai en detrimento do comercio de proximidade. Proba delo, é que a propia Praza e as rúas do centro do pobo estean baleiras de xente e os negocios desa zona reséntense. “As persoas que se achegan ao mercado semanal cando está na zona da Praza de Abastos aproveitan para facer outras compras, xestións ou tomar algo nun bar da zona. Cando está no Aparcadoiro a maioría da xente marcha máis rápido, sen facer gasto noutros negocios”, indica. E é que o cambio aplicado polo Concello tamén inclúe unha redución de aparcamentos considerable. Por esta razón algunhas persoas chegan a Ribadeo buscan onde aparcar e marchan ou xa non van porque non hai onde deixar o coche comodamente.
A popular sostén que os postos de alimentos frescos se poden situar na propia Praza de Abastos. “Na rúa Ramón González, pola beirarrúa dos números impares, poden colocarse postos doutros tipos sen molestar a ningún negocio. Asemade, Doutor Moreda na zona de aparcamento, de costas á Praza de Abastos e a rúa de Reinante, todas elas peonís completarían a localización dos mesmos. Ademais, en caso de precisar máis espazo, a rúa Ramón González, a partir do número 20 (que é dun único sentido) podería pecharse ao tráfico os mércores sen que supoña unha grande molestia para os usuarios. Ao poñer unha fila de postos en cada rúa respectaríase a distancia de seguridade e os compradores camiñarían polas rúas peonís podendo facer así compras nos negocios alí instalados”, manifesta.
Estrada dos Garitos
Dani Vega tamén critica que os nacionalistas volvesen a por enriba da mesa o arranxo da estrada dos Garitos “sen concretar nada” e, sobre todo, porque existe un acordo unánime do mes de febreiro de dirixirse ás distintas administracións para acometer o seu acondicionamento.
“Non entendemos por que non se arranxa nin por que trouxeron esta moción sen aportar nada”, manifesta sorprendido Vega, ao tempo que lembra que “nos reunimos cos veciños a comezos de ano, levamos a súa petición ao pleno de febreiro e obtivemos o apoio de todas as forzas políticas”.
“As negociacións coa Xunta están abertas pero é preciso a colaboración da Deputación e tamén do Estado, xa que esta vía esta moi próxima Feve, que tamén cedeu os terreos, e por iso pedimos orzamento. Por tanto, por que non se arranxa? Non o entendemos, pero nós imos seguir estando ao carón dos veciños e seguir xestionando orzamento”, conclúe.