O alumeado público da rúa focense Concello de Sarria será mellorado
O Concello de Foz vén de adxudicar, por un importe próximo aos 10.000 euros, a reforma do alumeado público na rúa Concello de Sarria.
O alcalde focense, Fran Cajoto, explica que “esta rúa é unha das arterias principais de Foz, dando acceso a unha zona moi poboada como é a Urbanización As Lagoas, coñecida como As Torres de Foz. O alumeado público na actualidade é moi deficiente, composto por lámpadas de sodio de 150 vatios cun elevado consumo enerxético e pouca luminosidade. O proxecto consiste na substitución de 11 luminarias por tecnoloxía led de 80 vatios de potencia e a disposición dun novo punto de luz a maiores, o que redundará nunha mellora da iluminación da rúa e nun claro aforro enerxético. Os fondos para esta obra son consignados a través dos remanentes das adxudicacións do Plan Único 2019 da Deputación de Lugo”.
Fran Cajoto engade que “esta actuación súmase á reforma do alumeado da rúa Eduardo Pondal, en moi avanzado estado de execución. A finalidade destras obras é, pouco a pouco e en función dos orzamentos dispoñibles, ir renovando o alumeado público en todo o pobo, de forma que consigamos unha maior eficiencia e unha maior calidade visual nas nosas rúas”.