O alumnado de Guitiriz inaugura unha mostra virtual de ODS en contacto coa realidade local

TerraChaXa
A iniciativa, titulada 'Os ODS son glocais’, está dispoñible en nove concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade
alumnado-ies-guitiriz
23 Apr 2025

O alumnado de 3º da ESO do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz inaugurou o pasado martes, 22 de abril, unha mostra virtual que conecta os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) coa realidade local. Trátase da exposición Os ODS son glocais, dispoñible nun total de nove concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade a través do proxecto europeo People & Planet.

A mostra consiste nun percorrido guiado a través da plataforma ods.fondogalego.gal dirixido principalmente á mocidade e para o que é preciso o emprego de dispositivos móbiles e lentes de Realidade Virtual. Con esta iniciativa, o Fondo Galego busca poñer de relevo a conexión entre os ODS fixados por Nacións Unidas e a realidade local, vinculando as novas tecnoloxías co espazo público para dar a coñecer dun xeito atractivo a Axenda 2030.

Cada municipio participante seleccionou varios puntos que se ligan a ODS centrados en temas como a educación, a igualdade ou a acción polo clima. Posteriormente, os usuarios entran nunha representación deses puntos en 360º, desde a que se poden trasladar a un escenario virtual doutro país que ten en común a loita polo mesmo ODS, presentando información sobre ese obxectivo, imaxes sobre os proxectos e pautas a seguir para cumprilo.

Deste xeito, as rapazas e rapaces do IES Poeta Díaz Castro puideron participar nesta experiencia inmersiva, realizando un percorrido por Guitiriz no que, ademais de visitar os puntos seleccionados de xeito presencial, tamén o fixeron a través dos seus teléfonos móbiles e das lentes de Realidade Virtual.

A experiencia xa está dispoñible para calquera usuario a través da plataforma ods.fondogalego.gal, polo que todo o mundo pode participar a través da pantalla do seu ordenador ou do seu teléfono móbil. No futuro, nunha segunda fase desta iniciativa tamén se instalarán códigos QR en cada un dos lugares escollidos para poder entrar directamente no espazo virtual.

Ademais de en Guitiriz, esta mostra virtual tamén está dispoñible noutros oito concellos, sendo os escollidos ata o momento Bergondo, Boiro, Burela, Cabanas, Pontedeume, Rianxo, Valga e Verín.

⚙ Configurar cookies
0.11703419685364