O alumnado do CEIP Mato Vizoso visita a Casa do Concello de Vilalba

A Casa do Concello de Vilalba recibiu a visita dos nenos e nenas de 3º de primaria do CEIP Mato Vizoso, que se achegaron para coñecer de preto o funcionamento da administración local. A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Educación, Paula Vigo, déronlles a benvida no salón de plenos, onde a rexedora respondeu ás curiosas preguntas dos escolares.
Durante a visita, Rouco e Vigo guiaron ao alumnado polas distintas oficinas e despachos do Concello, explicándolles o traballo que se realiza en cada un deles. Ao longo do percorrido, non faltaron as inquietudes e o interese dos máis pequenos por comprender mellor o funcionamento da súa vila.
"O máis sorprendente? Parece que entre os visitantes hai moitos candidatos e candidatas a futuros alcaldes e alcaldesas!", concluíu a alcaldesa.