O alumnado do CEIP Santo Estevo de Parga presentará unha ópera este venres na Escola Habanera

TerraChaXa
Trátase dunha iniciativa creada polos propios nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do centro, que realizan todas as tarefas
nenos-colexio-parga-obra-e-teatro
26 Jun 2025

Este venres, 27 de xuño, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Santo Estevo de Parga representará a ópera No interior das tendas na Escola Habanera. A función conta con entrada libre e gratuíta e comezará ás 20:30 horas, aínda que se recomenda acudir con media hora de antelación para poder asistir á presentación do proxecto.

Nesta ópera, toda produción foi creada integramente polo propio alumnado coa axuda do profesorado do centro, asumindo todas as tarefas necesarias para levar a cabo unha ópera: desde a creación do guión ata a iluminación, a composición musical, a interpretación, o deseño de vestiario e o resto dos aspectos técnicos e artísticos. Cada estudante asumiu un rol específico, formando parte dunha estrutura organizativa que deu lugar á súa propia compañía de ópera, que leva por nome ‘As Conxuncións Compañía de Ópera’.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Proxecto LÓVA, un programa educativo multidisciplinar no que estudantes de diferentes centros de ensino de toda España crean e xestionan as súas propias compañías. No caso do CEIP Santo Estevo de Parga, o grupo leva traballando na produción dende comezos de ano, e a intención é dar continuidade ao proxecto nos vindeiros cursos.

Ademais de achegarse ao mundo da ópera, os nenos e nenas desenvolven habilidades como o traballo en equipo, a toma de decisións colectivas, a resolución de problemas e a creatividade, converténdose nunha experiencia educativa completa e enriquecedora.

A de este venres será a terceira representación da obra. As anteriores tiveron lugar no propio CEIP Santo Estevo de Parga e no CEIP Plurilingüe Bragade de Cesuras. Con cada nova función, o espectáculo foi mellorando grazas ao esforzo e aprendizaxe do alumnado.

⚙ Configurar cookies
0.11053800582886