O Antroido de Val de Francos presenta o seu programa de 2026


O Antroido do Val de Francos volverá encher de música, tradición e ambiente festivo a Terra Chá o vindeiro martes 17 de febreiro cunha xornada que se desenvolverá no Campo do Carril, no concello de Castro de Rei, nun acto que reúne ás parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno. Trátase dunha das celebracións de Entroido máis antigas e arraigadas da comarca, que cada ano reúne a veciñanza e visitantes arredor dunha programación pensada para todos os públicos.
Ao longo da tarde e da noite sucederanse as actuacións musicais e os actos tradicionais. O programa inclúe as actuacións de Os Valuros con Os Cantos da Valura, así como do Grupo D’Cano, ás 16.30 e 17.00 horas, respectivamente. Este último porá o broche musical xunto coa Orquestra Panamá Band a partir das 19.30 horas. Non faltarán tampouco algúns dos momentos máis simbólicos da festa, como o sermón do antroido e a tradicional queima, ademais do sorteo de agasallos entre as persoas asistentes.
Un dos atractivos destacados da edición de 2026 será, por segundo ano consecutivo, a degustación gratuíta de produtos de razas autóctonas galegas, con presenza de Galiña de Mos, Porco Celta e Raza Vacún Limiá, así como un posto de venda de filloas elaboradas polas filloeiras de Muimenta. Durante toda a xornada haberá tamén actividades gratuítas para pequenos e maiores, con propostas de lecer pensadas para gozar en familia.
A organización prevé cubrir o campo cunha gran carpa para garantir o desenvolvemento da festa con independencia das condicións meteorolóxicas. Desde a organización do Antroido do Val de Francos queren agradecer de maneira especial a colaboración da veciñanza, das empresas colaboradoras e das institucións que fan posible esta celebración, como a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Concello de Castro de Rei.
Co obxectivo de seguir dando visibilidade a esta cita emblemática do calendario festivo chairego, a organización anima a difundir a celebración para que o Antroido do Val de Francos continúe medrando e chegando máis alá de Galicia. A convocatoria está aberta a toda a veciñanza e ás persoas que queiran achegarse a vivir unha das festas máis tradicionais e singulares da comarca.
Consulta a programación completa nesta ligazón