O Aprende Xogando puxo á disposición da cativada máis de 340 prazas en xuño e xullo

A área de Muller e Igualdade, que dirixe a concelleira Ángeles Novo, puxo a disposición dos cativos e cativas de Lugo un total de 344 prazas en xuño e xullo do programa municipal Aprende Xogando, unha iniciativa coa que “se pretende favorecer a conciliación sociolaboral das mulleres ao tempo que se promoven hábitos educativos axeitados e os xogos grupais”, indica a edil que dirixe esta área municipal. En total, cubríronse as 164 prazas ofertadas para a derradeira semana de xuño e as 180 no mes de xullo, para un programa que se está a desenvolver en horarios de mañá e tarde, e que se leva a cabo nos centros de convivencia de Maruja Mallo, Milagrosa, Uxío Novoneyra e na Casa da Música, esta última só pola mañá.
Segundo lembra a edil responsable desta área, “as distintas actividades do Aprende Xogando desenvolveranse ata a primeira semana do mes de setembro, para ofrecer este programa ao longo dos períodos non lectivos do verán, tamén durante os meses de agosto e setembro para os que xa están cubertas todas as prazas ofertadas en horario de mañá, e case todas pola tarde, o que supón un total de 335 prazas para esas cinco semanas do verán para as nenas e nenos de Lugo”. Ademais, Ángeles Novo considera que “este programa mantén o seu éxito, porque por unha banda favorece a conciliación en distintos eidos mentres que por outra beneficia aos cativos e cativas e presta especial atención ás mulleres e ás familias para que poidan afrontar as súas obrigas sociolaborais durante estes meses non lectivos”.
Este programa pedagóxico e de conciliación, dirixido a nenos e nenas empadroados en Lugo e con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, leva décadas desenvolvéndose durante os períodos non lectivos para axudar ás familias lucenses. Nos meses de verán é especialmente demandado, sendo o de xullo o período no que se rexistran máis solicitudes e prazas cubertas, como o proban as 180 adxudicadas no citado mes.
Na derradeira semana de xuño e na primeira de setembro, así como nos meses de xullo e agosto, o Aprende Xogando lévase a cabo en horario de mañá, de 09:00 a 14:00 horas e, en quenda de tarde, das 16:00 ás 20:30 horas, nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa (con 30 prazas en cada un) no Uxío Novoneyra (25 prazas) e na Casa da Música (40 prazas só en horario de mañá) ademais das 17 prazas reservadas para nenos e nenas con circunstancias especiais ou de emerxencia social.