O atleta rabadense Javo Orejas completa os Sete Majors tras finalizar o Maratón de Sidney

LugoXa | TerraChaXa
A carreira celebrouse este domingo, con saída ás 06:36 horas da mañá e temperaturas frescas que foron ascendendo desde os 8 ata os 18 graos
javo-orejas-rabade
2 Sep 2025

O atleta rabadense Javo Orejas, do Club Verxel Nutrición Deportiva, acadou un fito histórico ao rematar o Maratón de Sidney, coa que completa as coñecidas Sete Majors, converténdose así no primeiro lucense en conseguilo.

A carreira celebrouse este domingo, con saída ás 06:36 horas da mañá e temperaturas frescas que foron ascendendo desde os 8 ata os 18 graos ao longo do percorrido. Trátase dun trazado esixente, con numerosas subidas, baixadas e viraxes, no que Orejas afrontou un reto adicional: un esguince no nocello sufrido cinco días antes en Nova Zelanda.

Pese ás dificultades, o atleta decidiu saír cun ritmo cómodo e mantívose firme ata o quilómetro 25, momento no que as dores no nocello se fixeron máis intensas. O obxectivo pasou entón por resistir e cruzar a meta, algo que logrou cun tempo de 3 horas, 46 minutos e 5 segundos, cun ritmo medio de 5:21 por quilómetro. “A emoción e a alegría ao pasar baixo o arco de meta foron indescritibles”, confesou.

Tras esta carreira, Orejas únese a José Saavedra e Gonzalo Souto como os tres primeiros galegos en completar as Sete Majors. O atleta quixo agradecer o labor do fisioterapeuta David Partida, que fixo posible a súa participación a pesar da lesión, e adiantou que agora tomará un tempo para descansar, centrarse en probas máis curtas e gozar duns días en Sidney tras un percorrido de quince días por Nova Zelanda e Australia.

O Concello de Rábade felicitouno polo éxito acadado e destacou o orgullo que este logro supón para todos os veciños e veciñas.

⚙ Configurar cookies
0.15436196327209