O Auditorio de Vilalba acollerá a proxección de Xustiza Artificial dentro do ciclo Mestre Mateo

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura–Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe Xustiza Artificial, dirixida por Simón Casal. A sesión enmárcase no Ciclo Mestre Mateo 2025, que durante os vindeiros meses ofrecerá ao público a oportunidade de gozar das películas finalistas —documentais, longametraxes e curtas— dos XXIII Premios Mestre Mateo.
Esta quinta proxección do ciclo terá lugar o xoves 25 de setembro de 2025, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.
A película presenta un inquietante relato no que o Goberno español anuncia un referendo para aprobar a implantación dun sistema de intelixencia artificial na Administración de Xustiza. O obxectivo é automatizar os procesos e substituír na práctica aos xuíces e xuízas de todos os tribunais do país. A proposta provoca unha intensa campaña electoral que enfronta ao Executivo, aliado coa empresa tecnolóxica creadora do sistema, e á carreira xudicial, defensora do carácter humano da xustiza.
A historia segue a Carmen Costa, unha recoñecida xuíza convidada a participar no desenvolvemento do proxecto. Porén, a repentina desaparición de Alicia Kóvack, creadora do sistema, esperta a súa desconfianza e lévaa a sospeitar dunha conspiración que podería utilizar a xustiza para controlar todo un país.
A entrada é libre ata completar aforo, ofrecendo así unha nova oportunidade para achegar ao público chairego o mellor do audiovisual galego.