O Auditorio Municipal Cine Alovi acolle este venres a obra 'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro

O venres 24 de outubro, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal Cine Alovi será o escenario da representación de Reconversión, unha das propostas destacadas do Ciclo de Teatro de Outono.
A montaxe, producida por Ibuprofeno Teatro e dirixida por Santiago Cortegoso, é un espectáculo de gran formato para público adulto, no que oito actores-músicos dan vida a unha charanga que interpreta en directo a banda sonora da obra.
Reconversión propón unha viaxe entre o íntimo e o político, un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión industrial no sector naval da Ría de Vigo. A historia inspírase na vida do pai do propio autor, traballador do estaleiro Ascón durante tres décadas, e converte a súa experiencia persoal nun símbolo das vivencias dunha xeración que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e participou nas mobilizacións obreiras dos anos 70 e 80.
A peza percorre o tempo histórico desde a posguerra ata o felipismo dos anos 80, abordando o auxe da industria siderúrxica e a transformación social desde un mundo rural cara a unha sociedade capitalista.
Reconversión foi recoñecida co Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia 2025, consolidándose como unha das producións galegas máis aclamadas da tempada.