O Belén de Begonte abrirá as súas portas o 29 de novembro cunha programación reforzada

O Belén de Begonte reforza este ano a súa programación cultural. O Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal cumpre medio século e celébrao coa publicación de dúas antoloxías cos mellores traballos presentados, unha en castelán e outra en galego; así mesmo, o Certame de Arte incorpora o premio Novos valores, para a mellor obra dun artista de ata 18 anos.
Estas son algunhas das novidades que incorpora a iniciativa que anualmente impulsa o centro cultural José Domínguez Guizán, coa colaboración da Xunta de Galicia. No acto de presentación, que tivo lugar hoxe na Delegación Territorial de Lugo, participaron o delegado territorial, Javier Arias; o presidente da entidade organizadora, Xulio Xiz, e o alcalde de Begonte, José Ulla.
O Belén electrónico abrirase ao público o 29 de novembro e o pregón correrá a cargo do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro, con diferentes horarios segundo as datas.
Arias subliñou “a dimensión que está cobrando este proxecto cultural que vincula e dinamiza a toda a contorna, aínda máis se cabe desde que foi recoñecido de Interese Turístico galego”; neste sentido, lembrou a implicación da comunidade educativa do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, que creou unha unidade didáctica sobre o evento e acolle un curso de técnicas audiovisuais no marco do programa de Nadal. Ademais, axudan a coidar o “Xardín do Belén”, instalado xunto ao colexio e do que se obteñen os vexetais autóctonos que adornan o Nacemento.
De cara á presente edición, cómpre destacar que se fixeron traballos de mellora nas instalacións, que culminan cun mural de Diego As no frontispicio, e se incorporaron novas figuras ao Belén: unha noria, a Casa-Museo de Victor Corral en Baamonde, e o conxunto de autómatas “O Belén dentro do Belén”, en homenaxe ao creador do Belén, José Rodríguez Varela, e aos sacerdotes José e Jesús Domínguez Guizán.
Ademais dos citados certames de poesía e arte, tamén se convocan os de xornalismo, debuxo infantil e audiovisual sobre o Nadal, e distribuirase un libro que recolle os traballos premiados o pasado ano. Todos os detalles poden consultarse na web do Belén, que tamén ofrece outros recursos como unha visita virtual.
No tocante á promoción, o proxecto tamén segue medrando coa publicación dun folleto informativo en seis idiomas: galego, castelán, portugués, vasco, catalán e inglés.