O Belén de Begonte incorpora dúas figuras e unha talla antes da súa apertura de hoxe

TerraChaXa
O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto será o encargado esta tarde de abrir a LII edición do Belén de Begonte.
novas figuras belen de begonte
2 Dec 2023

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto será o encargado esta tarde de abrir a LII edición do Belén de Begonte. A inauguración celebrarase ás 18.00 horas.

O evento está declarado de interese turístico galego e o seu principal atractivo é o belén electrónico con figuras animadas, que pode visitarse ata finais de xaneiro no centro cultural José Domínguez Guizán. Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas. Durante as restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos pola tarde.

Paralelamente, convócanse o XXXIV Certame galego de arte José Domínguez Guizán, e o Certame nacional de poesía sobre o Nadal, o Certame xornalístico Begonte e o Nadal, e o Certame de debuxo infantil sobre o Nadal, que alcanzan xa a súa cuadraxésimo oitava edición.

As obras do certame de arte serán expostas na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e na Casa da Cultura de Begonte.

Outra iniciativa xurdida ao abeiro do Belén son as esculturas que o artista lucense César Lorenzana está a elaborar con motivos alusivos a este e que se instalarán nas 19 parroquias do municipio. A primeira loce desde hai un ano no núcleo de Begonte, e nos últimos meses tamén se colocaron as de Damil, San Vicente de Pena, Pacios e Saavedra.

Xusto na véspera da inauguración a entrada ao edificio do Belén colocouse unha talla en madeira dun recén nado, de 700 kgs. de peso, obra tamén do escultor César Lorenzana, que esta tallando as dezanove pezas que compoñeran un intanxible “Camiño ao Belén de Begonte”, para representar que todo Begonte é un camiño cara á capital do Concello para chegar ao Belén.

Esta, que está provisionalmente situada xunto ao edificio do Belén, permanecerá neste lugar durante o Nadal para despois ser trasladada ao seu lugar definitivo.

As cinco tallas xa colocadas están en Begonte (as botas do camiñante cara ao Belén), Pacios, San Vicente de Pena, Damil e Saavedra. Esta última, diante do Santuario dos Milagres, un banco de flores dedicada á Virxe, é frecuentemente utilizada tanto polos visitantes ao santuario como polos que alí participan en celebracións, para fotografiarse sentados no banco que lembra que a Virxe é a Señora do Belén.

Ademais, o Belén conta este ano cunha novidade, dúas figuras que no Belén están diante de todo, xunto ao visitante. O da esquerda, é un “pobre de pedir”, que se incorpora ao Belén, e está colocado diante dun viaxeiro, que se supón pode axudar ao menesteroso.

Esta nova figura do Belén é obra de María Méndez Rodríguez, que gañou diversos premios de belenismo entre 1973 e 1991 polos seus nacementos artesanais. Ela confeccionaba as figuras, dun gran realismo, e o seu fillo, Ricardo Segundo López Méndez, profesor e escultor, conserva estas figuras e cede esta ao Belén de Begonte.

López Méndez incorporarase ao equipo do Belén para confeccionar novas figuras en movemento para próximas edicións.

NOVOS SOCIOS DE HONRA

Nesta edición vanse sumar dous novos Socios de Honra aos amigos destacados do Belén, José Manuel Zas, director Técnico de Erinsa, empresa instalada no Concello de Begonte, polo seu continuo apoio e axuda ao Belén e as súas actividades; e Manuel Gulín Rodríguez, a título póstumo. Falecido o pasado setembro, Gulín, grande amigo do Belén foi, como pintor e especialista en arte, durante os últimos trinta anos, xurado do Certame galego de Arte José Domínguez Guizán, e do Certame de Debuxo infantil sobre o Nadal. Tamén, na súa lembranza, a actual edición do Certame Galego de Arte celébrase In memoriam Manuel Gulín Rodríguez.

Do xeito que Castelao soñou hai 75 anos unha Alba de Gloria na que aparecían os galegos máis sobranceiros de todos os tempos, Siro, o xenial creador de imaxes con alma, debuxounos unha Alba de Gloria do Belén de Begonte, con 25 persoas especialmente vencelladas co Belén, que queren lembrar conxuntamente como representantes dos milleiros de amigos, e a través deles poidamos ter presente o percorrido efectuado nestes 51 anos.

Entra o Belén nunha etapa de crecemento e impulsión, xestionándose nestes momentos a constitución dunha nova directiva – e campaña de captación de socios – "para afrontar os próximos tempos con moi ambiciosos proxectos para o futuro".

0.19691491127014