O belén de Begonte supera xa as 20.000 visitas

TerraChaXa
Nos primeiros vintesete días de O Nadal en Begonte superáronse amplamente as 20.
30 Dec 2022

Nos primeiros vintesete días de O Nadal en Begonte superáronse amplamente as 20.000 visitas, a pesar de que ata o día de 24 só se abriu ao público sábados, domingos e festivos. Neste momento, e ata o día de Reis abre todos os días (de 11.00 a 13.00 e 16.00 a 19.00 horas), volvendo desde esa festividade ata finais de xaneiro ao calendario inicial.

O promedio de asistentes cada día de apertura supera as mil persoas, tendo xa visitantes formando cola á hora de apertura, e debendo prolongar o funcionamento ata que todos os que veñen a Begonte puideron ser acollidos.

Mesmo os días en que non funcionaba o Belén recibíronse numerosos grupos (algún superando as 150 persoas, en varios autobuses), sendo a mañá do mércores 21 o momento de maior afluencia, con sete colectivos atendidos.

O centro cultural José Domínguez Guizán agradece aos medios informativos de toda Galicia a súa atención e difusión, debendo mencionar como exemplo que no programa concurso das tardes na TVG se formulou unha pregunta en relación coa ubicación do Belén electrónico begontino. Agradecemento, asimesmo, a todos os visitantes, pola paciencia demostrada cando se producen colas, e polo correcto comportamento en todo momento.

Certamente, hai que considerar superadas as limitacións da pandemia, as cifras de visitas anteriores, e a evidencia de que estamos nun novo tempo do Belén que comeza, precisamente, coa celebración do cincuentenario da súa fundación.

0.15039110183716