O belén de Begonte supera xa as 3.000 visitas
Esta longa fin de semana foi unha excelente ocasión para visitar o Belén de Begonte, que foi aproveitada por máis de 3.000 visitantes. O cálculo tanto para o venres como para o sábado foi de arredor de 800 visitantes diarios, duplicando o domingo esa cifra.
Abrir de 11 a 13,00 e de 16,00 a 19,00 permite ofrecer arredor de vinte pases do Belén (dunha duración aproximada de 13 minutos), pero en calquera destes días foi preciso prolongar o tempo de apertura, especialmente pola tarde, por afluencia de visitantes, unha hora máis.
Nesta edición apréciase unha grande curiosidade polas novidades, os visitantes aplauden ao final de cada sesión, e comentan moi favorablemente a existencia da voz en off que relata a creación e historia do Belén.
Para este martes, está prevista a visita dun grupo de usuarios de Cáritas da capital lucense, e para o xoves doutro do colexio Maristas.